Contracultura

Hugo Guezeta: "Sempre é mellor rematar dunha forma planificada, agora que os tres nos levamos ben"

Hugo Guezeta, vocalista en Son da Rúa, aborda a disolución do grupo de rap tras sete anos xunto a That Bass como DJ e beatmeker e Alex Arnoso como guitarrista e beatmaker. Hugo Guezeta repasa os últimos concertos e os logros que permanecen aínda que o proxecto remate, xa que, como el di, “son este tipo de cousas coas que tes que quedar”.
Os membros de Son da Rúa Hugo Guezeta, That Bass e Álex Arnoso. (Foto: Son da Rúa)
photo_camera Os membros de Son da Rúa Hugo Guezeta, That Bass e Álex Arnoso. (Foto: Son da Rúa)

Como foi tomar a decisión de pór fin a Son da Rúa?

Sempre dá mágoa ter que paralizar un proxecto así despois de tanto tempo facendo música, mais levabamos xa un tempo dándolle voltas á idea por cuestións laborais, xa que cada un traballa nun lugar diferente, e tamén persoais, porque o noso ritmo de composición baixou moito desde a Covid, que nos freou bastante. Ás veces parecía que cada tema que intentabamos sacar era pór presión enriba. Sempre é mellor rematar dunha forma planificada, agora que os tres nos levamos ben e o grupo aínda funciona. É mellor facelo así que seguir prolongando a situación no tempo até comezar a sentilo como unha obriga ou algo incómodo. E quen sabe se nun futuro volvemos ter as ganas de estar. 

Ao compaxinar o proxecto con outros traballos vólvese máis complicado.

Claro, e non nos pasou só a nós. Hai moitos grupos que non se chegan a profesionalizar completamente e, coa pandemia, se nalgún momento chegaramos a pensar en facelo, foi un freo. Cada un vai buscando a súa vida e complícase moito compaxinar cando tes bastantes concertos. Ao final, cando traballas en algo tes que centrarte completamente niso para que funcione e, desde logo, a profesionalización inflúe.

Con todo, ademais da experiencia de crear música, en galego e cun discurso non típico ou fóra dos moldes da industria, levámonos momentos moi bonitos: compartir escenario con Kase, a colaboración con Nao e as Tanxugueiras ou simplemente un concerto calquera con vinte persoas onde tamén o pasas de marabilla. Cada concerto e cada experiencia sempre che fai aprender. Logo, o tema normalizador. Toca bastante a fibra cando crianzas ou xente que está comezando a escoitar música en galego se lanza a falar a nosa lingua ou se anima a escoitar moita máis música nela.

O proxecto paralízase agora, mais esas cousas xa están creadas, a familia de Son da Rúa é algo que vai estar aí e son este tipo de cousas coas que tes que quedar. 

Hai intención de continuar con carreiras musicais individuais?

Dependerá de cada membro do grupo, mais será un pouco o que nos apeteza. Cando hai unha ruptura sentimental tamén toma o seu tempo, hai que rematar primeiro un proceso para comezar outro. 

A partir de abril eu creo que cada un mirará por onde lle apeteza tirar e co tempo verase se aínda hai ganas de compoñer ou crear. Penso que aínda estamos no proceso de rematar este ciclo, ensaiar, poder dar os máximos concertos que poidamos e o resto xa o pensaremos máis adiante. Claro, sempre compós cousas e tes ideas gardadas na cabeza, mais penso que cando cada un de nós estea tranquilo, unha vez deamos por finalizado o grupo, poderá ver o que quere facer. 

O 14 de abril terá lugar o último concerto. Cales son as expectativas?

Agardamos que sexa un día moi especial porque, ademais de toda a xente que vai ir, estaremos acompañados de convidados especiais que iremos desvelando segundo se vaia achegando a data. A idea é facer un final chulo, as entradas están vendéndose moi ben, quedan xa poucas, e esperamos que sexa o feche perfecto. Tamén temos a idea de facer unha gravación do directo e unha peza documental sobre ese día, e veremos se somos quen de levalo a cabo. 

Até ese momento, como dicía, queremos dar o máximo número de concertos posíbel. Aínda estamos fechando as datas porque hai salas que xa non funcionan, outras teñen bastante axenda ocupada, mais nas próximas semanas poderemos ir confirmando a través das nosas redes sociais. Tamén intentaremos movernos o que poidamos en concellos e festivais que aínda queden, e lugares aos que lles temos especial agarimo e aos que intentaremos ir. Polo momento, o que podemos confirmar é que o 29 de outubro estaremos en Lalín. 

Comentarios