Mostra de Teatro de Cangas

María Ruído: "O feminismo é unha cuestión política, non biolóxica"

María Ruído vén de recibir o premio Mulleres en Acción da Mostra de Teatro de Cangas, onde se poderán ver, ao longo dos días que dura o evento, varios dos seus traballos en vídeo. 
A creadora e investigadora María Ruído.
photo_camera A creadora e investigadora María Ruído.
María Ruído é artista visual, realizadora, investigadora e docente. Aínda que na actualidade vive en Madrid e é profesora de Imaxe na Universidade de Barcelona, soña nun futuro con poder volver a Galicia. Este ano, María Ruído vai recibir o premio Mulleres en Acción, un recoñecemento “ao seu excelente labor artístico, no que utiliza a arte cinematográfica dun xeito orixinal, inexplorado e cunha linguaxe propia”. Falamos con ela para saber que lle supón este recoñecemento, de arte, de feminismo… Desde 1998 vén desenvolvendo proxectos interdisciplinares sobre a construción social do corpo e a identidade, os imaxinarios do traballo no capitalismo postfordista, e sobre a construción da memoria e as súas relacións coas formas narrativas da historia, e máis recentemente traballa en torno ás novas formas dos imaxinarios decoloniais e as súas posibilidades emancipatorias.

 

Como se sentiu ao saber que ía recibir o premio Mulleres en Acción?

Sorprendida. E tamén moi afagada. Vendo quen foron as anteriores mulleres que o recibiron é un verdadeiro honor. Os premios sempre te sorprenden.

Coñecía xa a Mostra?

Sabía da súa existencia, pero de xeito moi afastado. Grazas a María Armesto, directora artística, puiden saber máis e coñecer toda a súa historia.

Saberá que foi a primeira Mostra do estado que impulsou e aplicou o principio de paridade, mesmo desde antes do nacemento das leis galega e estatal de igualdade.

É algo moi necesario tamén agora, tendo en conta que o teatro e, en xeral, a arte e as humanidades están a vivir un momento complicado, aínda que parece que está nunha crise permanente. Que o feminismo sexa un dos sinais de identidade da Mostra é sempre necesario, pero nun momento coma este, cando a cultura empeza a ser atacada con posicións que pensabamos estaban xa pouco asentadas, parece moito máis importante.

Seguramente haxa xente que vaia coñecer a súa obra grazas á Mostra, como lle explicaríaa quen é María Ruído?

O meu traballo transcorre fundamentalmente no audiovisual. No ensaio visual empecei realmente diante das cámaras. Na exposición que se mostra en Cangas vaise ver o comezo do meu traballo nun círculo que fecha perfectamente a performance. Empecei sendo actriz de teatro. Na miña vida teño feito moito teatro.

 

O feminismo está presente en toda a súa obra…

O meu traballo abórdase, fundamentalmente, desde unha posición feminista militante. Feminismo autónomo. Nel atopamos unhas liñas fundamentais. Por unha banda, cuestións relacionadas co corpo e a representación do corpo das mulleres, principalmente das mulleres traballadoras, en fábricas na contorna do capitalismo actual (fordistas e postforditas). E tamén trata de cuestións de memoria, historia e colonialismo.

Como foron os comezos?

Empecei traballando como artista xa a finais dos anos 90. Pero na actualidade son tamén investigadora e docente.

De onde vén esa inclinación pola arte?

Proveño dunha familia migrante onde non hai artistas. Eu desde pequena tiña claro que os meus intereses non eran os que rodeaban á miña familia. Sen embargo, sempre me apoiaron. Aínda que son historiadora de formación, tiña claro que diso non se vivía. De aí que apostase por unha dupla vertente para gañar a vida: artista e docente. A docencia é un territorio político fundamental. Cando remato a miña formación académica fago unha tese sobre a representación do corpo das mulleres entre finais dos século XIX e finais do XX. Eran os anos 90 e no Estado había moitísimas carencias de textos feministas fundamentais.

E a faceta artística?

Eu pintaba xa desde pequeniña. Tamén escribía. Pero descubrín a ferramenta que supón a cámara a través do traballo de artistas estranxeiras. Tristemente, a ditadura rompeu co noso legado e pouco se sabe de artistas como Esther Ferrer. Pareceume que era unha tipoloxía de artista que non era a que me ensinaban na facultade. Na miña familia sempre houbo unha conciencia de clase forte e todo se foi mesturando.

Como xorde a idea de facer La memoria interior?

Decidín que existía un espazo que había que desenvolver. La memoria interior (2002) conta a historia dos meus país e da súa emigración a Frankfurt. Quería contar a experiencia de alguén que se queda. Eu non vivín con eles. Os meus pais vivían daquela nun gueto onde non había alemáns. Conta a historia da miña familia porque a nosa historia é a historia. Con este ensaio documental gaño un premio de 15.000 euros e cos cartos compro a miña primeira cámara de vídeo e un ordenador novo. E entón pensei, “ostras, igual aquí si que teño un campo de traballo”.

E despois?

Sempre penso que até aquí chegamos. Cada cousa que remato penso que é o meu último traballo porque realmente é moi difícil conseguir financiamento. Pero aquí sigo…

E xa pensa no seu próximo proxecto?

O meu traballo é moi coherente case sempre. Uns traballos saen dos outros. Agora teño dous proxectos que me gustaría levar a cabo, pero aínda non os podo contar. Teño a sensación de que o feito de que che fagan un recoñecemento non significa que vaia ser máis doado atopar cartos para financiar o próximo proxecto.

Pensa volver á Galiza?

Faime moita ilusión. Eu tiven que marchar de aquí no seu momento para estudar. Fun a Portugal en 1993 e fixen o doutoramento xa en Madrid. Foi unha ruptura que quizás si tivese nacido 20 anos máis tarde non tería que facer. Co desenvolvemento de internet o meu traballo podería facelo desde calquera parte, pero naquel momento tiñas que marchar, sobre, todo no período de aprendizaxe. E ás veces volver é complicado. Por iso, calquera proxecto ou recoñecemento que veña da Galiza me fai especial ilusión.

Defínese como feminista militante. Cambiaron moito as cousas?

Si que cambiaron moito as cousas, pero sobre todo no noso pequeno mundo. Temos que ser conscientes de que os dereitos son moi difíciles de conseguir pero moi fáciles de perder. Ás veces temos a falsa idea de que dereitos como o aborto ou o divorcio non se van a reverter. Tamén o creron as republicanas e a asociación anarcofeminista ‘Mujeres Libres’.

Creo que o feminismo ensanchou moito incluíndo temas de raza, de clase, trans.. Deberiamos coidar esta interseccionalidade e non fundirnos en debates como a esencia do que é ser muller, un debate hiperbioloxicista, cando o feminismo é unha cuestión política, non biolóxica. As mulleres somos moi diversas. Persoalmente non me dá medo a discrepancia senón a capacidade de respectar as opinións. A interseccionalidade é unha riqueza enorme. O feminismo clásico era branco, burgués e heteronormativo. Agora vivimos cun abano de feminismo que non deberiamos perder nunca. E todo isto está en perigo. Dá medo pensar que os homes mozos votan á ultradereita porque pensan que van perder privilexios. Parece que as rapazas van por un lado e os mozos semella que se atrincheiraron en posicións reaccionarias.

Comentarios