Máis

Os pasatempos do verán de 'Nós Diario' teñen premio

Pon a funcionar os teus miolos e gaña unha fin de semana nunha casa rural co caderno Máis, o suplemento de verán que acompañará Nós Diario desde a vindeira segunda feira, 2 de xullo, até o último sábado de agosto.

Exemplo de solución de "Na ribeira". (Foto: Nós Diario)
photo_camera Exemplo de solución de "Na ribeira". (Foto: Nós Diario)

A calor, o sol, as tardes de praia e de piscina, as festas... volven un ano máis acompañadas do caderno Máis, o suplemento de Nós Diario que durante os meses de xullo e agosto achegará os contidos máis frescos e enfocados ao lecer.

Información sobre festivais e festas populares e tradicionais, as illas máis sobranceiras da costa galega, os mellores furanchos e tabernas, as casetas de praia máis singulares, os bosques máis tranquilos para dar unha camiñada, recomendacións gastronómicas ou os mellores consellos para desfrutar dunha boa lectura á sombra este verán e unha colección de relatos por entregas —da man de Rochi Nóvoa VázquezAlberto G. AneirosPaula Carballeira, Bieito IglesiasAntía YáñezFrancisco Fernández NavalConcha BlancoElena Gallego e Leandro Lamas— formarán parte dos contidos do caderno Máis para que poidas desfrutar da temporada estival ao máximo.

Non faltará, por suposto, a Axenda, cos eventos que decorrerán este verán ao longo do país e unha das seccións que espertan máis interese por parte das lectoras e lectores de Nós Diario, os pasatempos de Xoán Costa e Xerardo R. Roca.

E é que, ademais, este verán adestrar o cerebro no mundo da lóxica con Nós Diario ten premio. As persoas que resolvan de maneira correcta o pasatempo “Na ribeira” teñen a posibilidade de gañar unha fin de semana para dúas persoas na Casa de Turismo Rural Casa do Morcego de Valdoviño (Ferrolterra), a desfrutar no outono de 2024.    

Para participar no sorteo, deben enviar unha fotografía da solución do pasatempo, que consiste en encontrar nunha grella unha serie de palabras seguindo unha serie de indicacións, ficando unhas letras sen asignar. Con estas, e ordenándoas de esquerda a dereita e de arriba abaixo, atoparemos unha palabra oculta.

Cada persoa lectora ten 45 oportunidades de gañar o sorteo: unha por cada un dos días nos que se publicará o caderno Máis. A rifa realizarase na redacción de Nós Diario a terza feira 4 de setembro ás 12 do mediodía e o resultado da mesma darase a coñecer no xornal da cuarta feira 5 de setembro e ese mesmo día no dixital.

A continuación podes consultar as bases completas do sorteo. Que a sorte (e o cerebro) te  acompañe!

Bases para o sorteo dunha fin de semana nunha casa de turismo rural para dúas persoas

1. Poderán participar no sorteo todas as persoas maiores de idade que o desexaren.

2. No sorteo participarán todas as repostas correctas ao pasatempo "Na ribeira” publicados no Nós Diario entre o 2 de xullo (número 1165) e o 31 de agosto (número 1209) de 2024.

3. Para participar no sorteo fai unha fotografía á grella con todas as palabras marcadas. Escribe a palabra oculta, que é a resposta. Envía —resposta e foto— cos teus datos de contacto (nome e apelidos así como teléfono de contacto) a [email protected].

4. A cada correo electrónico asignaráselle un número. Só será válido un correo por día e persoa. Si se pode mandar un correo coa solución de cada un dos 45 días nos que sairá o pasatempo "Na ribeira".

5. Participarán no sorteo todas as persoas —coa resposta correcta e con todos os datos de contacto— recibidos entre o 2 de xullo e o 31 de agosto de 2024.

6. O sorteo público realizarase na redacción de Nós Diario a terza feira 4 de setembro ás 12 do mediodía. Poderán asistir presencialmente os e as participantes do mesmo que o desexen. O resultado do sorteo farase público —indicando nome e apelidos— no xornal da cuarta feira 5 de setembro e ese mesmo día no dixital www.nosdiario.gal.

7. O premio é unha fin de semana para dúas persoas, en réxime de aloxamento (noites da sexta e sábado) e almorzo (sábado e domingo) na Casa de Turismo Rural Casa do Morcego de Valdoviño no Outono de 2024, con data a convir entre a persoa gañadora e o centro hostaleiro.

8. De acordo coa Lei 15/1999, de 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos dos e das participantes no sorteo serán tratados de modo confidencial co fin de garantir e protexer as liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas, a súa honra e intimidade persoal.

9. O feito de concorrer ao sorteo implica a aceptación das súas bases.

Comentarios