A PREVIA | O Celta baixa o pano da Liga co obxectivo cumprido

A máxima categoría do fútbol masculino estatal despídese até o próximo agosto cun intranscendente Celta-Valencia. Máis peso terá o duelo entre Rácing e Leganés, no que os ferroláns apuran as súas últimas opcións de ser parte dos play-off de ascenso. Ademais, na Primeira RFEF o Fortuna colide co Barça B e será terceiro se gaña.
O sorriso está garantido nas bancadas de Balaídos nunha última data na que a presión habitual polo resultado desaparecerá por completo. (Foto: RC Celta).
photo_camera O sorriso está garantido nas bancadas de Balaídos nunha última data na que a presión habitual polo resultado desaparecerá por completo. (Foto: RC Celta).

Acabouse. O Celta despide cun choque o domingo ante o Valencia (Balaídos, 16.15 horas) unha tempada 2023/24 marcada tanto polos fastos do centenario celeste como polos malos resultados sobre o céspede, que tiveron o equipo sempre inmerso nalgunha das cinco últimas prazas da clasificación agás na cuarta e na penúltima xornada, a trixésimo sétima.

Por sorte para os sufridos seareiros e seareiros celestes, a destitución dun Rafa Benítez -chegado como a fichaxe estrela do club no pasado verán a cambio dun salario próximo aos cinco millóns de euros brutos por tempada, que situaban o madrileño no 'Top-2o' de adestradores mellor pagados do mundo- logo da vixésimo oitava data e o traspaso de poderes ao até aquel entón responsábel do filial, Claudio Giráldez, supuxo un antes e un despois tanto no xogo como nos marcadores olívicos.

Abandonado definitivamente o ultraconservadurismo dun Benítez que propuxo un fútbol desfasado e apoucado, Giráldez demostrou que coa táctica 3-4-3, unha canteira marxinada polo seu predecesor e a aposta por ese 'fútbol de salón' que tanta prédica ten entre a afección viguesa chegaron cinco triunfos, un empate e tres derrotas, que trouxeron consigo unha salvación na penúltima xornada que permitirá gozar sen presión da 'Festa Fin de Centenario' organizada polo Real Club Celta.

A celebración comezará a partir das 11 horas na contorna de Balaídos, onde estará instalada unha zona de dinamización infantil para que as crianzas gocen de obradoiros, inchábeis e espectáculos. Paralelamente, as bandas Batea (11 horas), A Roda (12.15 h.) e Groove Amigos (14 h.) interpretarán o seu repertorio ante o público alí congregado, que tamén terá ao seu dispor unha zona gastronómica con diversos postos de restauración e carpas xestionadas polas peñas onde se poderá adquirir comida e bebida.

Con respecto ao once polo que podería apostar o preparador do Celta, á dificultade habitual que sempre supón adiviñar os equipos de Giráldez hai que engadirlle a posibilidade de que xogadores do filial asentados no primeiro equipo, como Damián ou Hugo Álvarez, reforcen o Fortuna de cara o play-off, polo que unha opción podería ser a de Guaita; Mingueza, Jaílson, Starfelt; Tapia, Fran Beltrán, Manu Sánchez, Kevin; Bamba, Iago Aspas e Larsen.

Partido a vida ou morte para o Rácing de Ferrol

Unha vez que remate o choque do Celta, concretamente ás 18.30 horas do domingo, o Rácing disputará na Malata o seu derradeiro partido como local da campaña sabendo que está obrigado a gañar se non quere despedirse das súas últimas opcións de clasificarse para o play-off e subir á máxima categoría.

Noveno con 58 puntos, a catro do Oviedo (61), o conxunto que fecha o limiar da promoción, os pupilos de Cristóbal Parralo teñen que superar un Leganés que aínda non ten garantido o ascenso directo pese a ser líder e agardar que o seu rival asturiano 'pinche' ante o Andorra.

Último trámite para o Celta Fortuna antes do 'play-off'

Se na Segunda División aínda restaría unha xornada para baixar o pano, esta fin de semana remata a fase regular dunha Primeira Federación na que os representantes da Galiza xa non se xogan (case) nada. 

Así, o Celta Fortuna afronta, coa mente posta no play-off un partido co Barça B (sábado, 19 horas)  que será algo máis que un mero trámite, pois se gaña será terceiro e adquirirá a vantaxe de campo. 

Programada en horario unificado, o que significa que todos os encontros terán este sábado ás 19, o xa ascendido Deportivo colide con outro histórico, o Real Unión de Irún en Riazor; o Arenteiro fará o propio co Unionistas en Salamanca; e o Lugo choca co Sabadell no Ángel Carro. 

Comentarios