Piragüismo

Antía Xácome lidera a 'Armada Galega' no Europeo de Piragüismo

O certame comeza esta sexta feira e remata o domingo en Hungría.
A deportista pontevedresa, Antía Jácome (Foto: Antiajacc)
photo_camera A deportista pontevedresa, Antía Jácome. (Foto: Antiajacc)

O Campionato de Europa de Piragüsimo na modalidade de esprinte comeza esta sexta feira na capital continental da disciplina, Szeged (Hungría). Na competición, que se estenderá até o próximo domingo, 16 de xuño, destaca a presenza dunha nutrida 'Armada Galega', composta por 12 deportistas masculinas e femininas que viaxan con grandes expectativas.

En cabeza está a olímpica Antía Xácome, quen, logo de volver con dúas medallas -unha delas de ouro- da Copa do Mundo disputada no mesmo escenario o pasado mes de maio, será da partida no C1 200, o C2 200 e no C2 500 metros, nestas dúas última acompañada da madrileña María Corbera.

Tamén promete brillar con luz propia o tomiñés Roi Rodríguez, que regresa a unha regata internacional nas modalidades de K1 500 e 1000 metros, así como no k4 xunto aos asturianos Pelayo Roza e Pedro Vázquez -ambos pertencentes a dous conxuntos da Galiza, Fluvial de Lugo e Caiac Tudense, respectivamente- e o balear Álex Graneri.

Pola súa parte, non é descartábel que sexan quen de colgar un metal do pescozo o experimentado Carlos Pérez, 'Perucho' -inscrito no K2 200 metros co asturiano Juan Oriyes- e Lucía Val, que participa tanto no K2 500 -con Bárbara Pardo- como no K4 500, nunha embarcación que completan a antedita Pardo, Nerea García e Carla Corral.

Finalmente, a representación nacional é especialmente notábel nas competicións de canoa masculina, con até cinco galegos (Pablo Graña, C1 200; Martín Xácome, C1 500 e C2 1.000 xunto con Noel Domínguez; Manuel Fontán, C1 1.000 e C2 200 con Adrián Sieiro) e no 5.000 (Pedro Vázquez, Jaime Duro e Cristina Soutelo).

Comentarios