As artes marciais históricas, protagonistas esta fin de semana en Compostela

Compostela prepárase para unha fin de semana de 'Artes Marciais Históricas Europeas' que reunirá practicantes desta disciplina de diferentes lugares da Galiza e Portugal.
A Galiza conta con 10 salas de artes marciais históricas nas cales se poden practicar formas de combate perdidas no tempo (Foto: Arte do Combate).
photo_camera A Galiza conta con 10 salas de artes marciais históricas nas cales se poden practicar formas de combate perdidas no tempo (Foto: Arte do Combate).

Compostela prepárase para unha fin de semana de 'Artes Marciais Históricas Europeas' que reunirá practicantes desta disciplina de diferentes lugares da Galiza e Portugal. O Centro Sociocultural Don Bosco, en Belvís, foi o espazo elixido para un encontro convivial e unha práctica deportiva que contará coa participación de Arte do Combate (sala de esgrima histórica compostelá), Academia da Espada (da Coruña) e Academia de Esgrima Histórica, con sede en Lisboa (Portugal). 

A actividade levará por título ‘Tertúlia Galego-Portuguesa de Artes Marciais Históricas’. Artes Marciais Históricas Europeas (HEMA segundo as súas siglas en inglés) é a denominación común dunha ampla gama de sistemas de combate extinguidos e reconstruídos a través da investigación histórica moderna das fontes documentais.

O proxecto e sala de esgrima histórica compostelá A Arte do Combate é a que se encarga da organización. "Vaise tratar dun encontro de traballo entre grupos galegos e portugueses sobre artes marciais históricas. Levamos bastantes anos traballando xuntos", relata, en declaracións  a Nós Diario, o director do proxecto, Diniz Cabreira, que explica en que vai consistir a xornada dedicada ao mundo das artes marciais históricas.  

"O público vaise encontrar cunhas 30 persoas traballando con armas da Idade Media e da Idade Moderna, é dicir, do século XV ao século XVIII aproximadamente", co obxectivo de "tentar reproducir técnicas históricas de combate tal e como ficaron documentadas en tratados de artes marciais da época".

O proceso de documentación

Reproducir técnicas de artes marciais históricas pode ser complicado, xa que, previamente, debe encontrarse documentación que, ás veces, é difícil de achar. A este respecto, Cabreira indica que "hai artes marciais, como o boxeo grego, que quedaron plasmadas en ilustracións, mais que é imposíbel saber como se practicaban. A partir do século XIII comezan a aparecer os denominados 'Libros de loita', que basicamente eran tratados de artes marciais nos cales mestres de armas do momento deixaron indicado explicitamente como utilizar determinadas armas". 

Por medio destes libros, de gran valor histórico, pódense recrear e reproducir esas formas de combate que quedaron perdidas nalgún lugar da historia. "Principalmente, os libros de loita están en museos, ás veces non están ben documentados e o que nós intentamos é desenterrar estas fontes, transcribilas, traducilas e a partir de aí comezar a traballar", manifesta Cabreira, ao tempo que aproveita para pór de manifesto que se trata dun "proceso interactivo". Defende ao respecto que "non nos podemos limitar só a ler o texto, é preciso pór as técnicas en práctica".

As salas de artes marciais históricas

A Galiza, de acordo con Cabreira, conta con "10 salas de artes marciais históricas , case todas as cidades do país teñen unha. Se a xente ten interese, non ten máis que pórse en contacto con algunhas das salas e adentrarse neste mundo".

Arte marciais históricas, presentes en Santiago

A Arte do Combate, que dirixe Diniz Cabreira, é un proxecto de investigación, reconstrución e práctica do 'Kunst des Fechtens' (descrición fundacional da arte da esgrima) tardo-medieval do mestre Johannes Liechtenauer. Como escola de artes marciais históricas, ofrece cursos anuais de esgrima histórica que se desenvolven dúas veces á semana no Centro Cívico do Romaño (Vista Alegre, Santiago de Compostela).

Comentarios