A PREVIA | O Balonmán O Porriño quere seguir soñando co título de Liga

A única escuadra galega nas semifinais colide co Elxe no 'play-off'.
Encontro do Porriño da pasada tempada en Elxe. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Encontro do Porriño da pasada tempada en Elxe. (Foto: Nós Diario).

O duelo fratricida nos cuartos de final do play-off polo título da Liga Guerreiras de balonmán entre Mecalia Atlético Guardés e Conservas Orbe Rubensa O Porriño tivo como vencedora a esta última formación, que continúa a súa persecución do título contra o Atticgo Elxe, o seu rival nas semifinais do torneo. 

O partido de ida da eliminatoria, programado ás 16.30 do sábado no Pavillón Municipal do Porriño baixo a atenta mirada das cámaras da canle pública Teledeporte, que retransmitirá o espectáculo, suporá un desafío de extraordinaria magnitude para as pupilas de Ismael Martínez, pois as ilicitanas remataron en primeira posición a fase regular  logo de asinar un sobresaínte balance de 18 triunfos en 22 encontros, cun só empate e tres derrotas na súa conta particular.

Con todo, e como demostrou no seu choque ante o Atlético Guardés, onde logrou remontar até cinco tantos en contra, este Balonmán O Porriño da tempada 2023/24 sabe nadar contra a corrente e rachar con todos os prognósticos, e co seu pase a semifinais xa superou a súa mellor clasificación histórica, un quinto posto.

Pero non se conforman con iso. O preparador das galegas afirmou na rolda de prensa previa ao xogo que afrontan a eliminatoria "con moitísima ilusión", e que a "histórica" vitoria no derbi dos cuartos de final supuxo un "reforzamento" da moral no seo do vestiario.

Con todo, Martínez recoñeceu que terá que medirse "co rival máis duro, tal e como demostrou na liga regular". "Teñen unha defensa moi férrea e destacan especialmente no xogo sen balón", engadiu, poñendo en valor o traballo na portería da veterana de 37 anos Marisol Carratú -ex do Atlético Guardés- e de Danila, Tessa, Pipy, Zaira ou Paola, entre outras.

Non obstante, pensa que as súas contrincantes teñen enriba "unha gran carga de partidos e emocional" -en referencia á súa recente clasificación esta mesma semana para a finalísima da Copa European Handball Federation (EHF) por vez primeira na extensa traxectoria do club, fundado en 1958-, algo que deberán saber empregar ao seu favor para "tratar de sacar vantaxe neste primeiro partido". 

Comentarios