Real Club Celta e Adidas acordaron separar os seus camiños após 11 tempadas. E a marca elixida para deseñar as equipacións do equipo durante os próximos cinco cursos foi a dinamarquesa Hummel. "Vigo é o punto de encontro da próspera historia de dúas institucións centenarias que forxaron a súa historia nunha filosofía e valores comúns", salientan desde o Celta.
E só un día despois de anunciar a súa unión os seareiros e seareiras xa coñecen a nova 'celeste', que, tal e como afirman nun anuncio publicitario difundido esta terza feira, "non pode ser máis de aquí". A camiseta levará gravados os nomes dos 313 concellos da Galiza, pois é, aseguran, "unha camiseta para un país".
Todos e cada un destes municipios teñen o seu espazo na nova camiseta, visíbeis a través da icónica tipográfica que Xosé Vizoso deseñou para o centenario celtiña. O novo patrocinador, celebran desde A Sede, "entendeu perfectamente a importancia que supón para o club representar Galiza ante todo o mundo, facilitando así a creación dunha peza única e inimitábel".
A camiseta inclúe ademais un peculiar pescozo que simula as primeiras equipacións do Celta, no primeiro terzo do século pasado, marcadas polos clásicos e característicos cordóns. A nova peza simúlaos "sen restar por iso comodidade e estilo á elástica".
🩵👕 Unha camiseta para un país#NonPodeSerMáisDeAquí@hummel1923 ⋄ @hummelspain pic.twitter.com/5aZtWkHifH
— RC Celta (@RCCelta) June 4, 2024
Recupérase, unha vez finalizado o ano do centenario, o clásico escudo do Celta no peito, así como o trisquel na parte superior traseira, por riba do dorsal e o nome dos futbolistas, que neste último curso dera paso aos escudos do Fortuna e o Vigo Sporting, cuxa fusión deu paso en 1923 ao Real Club Celta.