Balonmán

O Cangas encara a primeira etapa do seu desafío pola permanencia

Colide co San Pablo en Burgos ás 20.30 desta cuarta feira. 
O Frigoríficos depende de si mesmo.  (Foto: BM Cangas).
photo_camera O Frigoríficos depende de si mesmo. (Foto: BM Cangas).

O Cangas Frigoríficos do Morrazo, único representante da Galiza na elite do balonmán masculino estatal, a Liga Asobal, comeza a pelexa por conservar o seu posto de privilexio na tempada 2024/25.

Condenado a disputar un play-out en forma de eliminatoria a dobre partido ante UBU San Pablo Burgos, o primeiro deses encontros -nos que a escuadra galega ten ao seu favor o factor campo- desenvolverase ás 20.30 horas de hoxe no Plantío.

Logo de evitar o descenso directo grazas a unha segunda volta espectacular en contraste coa primeira, após rexistrar sete vitorias e 17 puntos sobre 30 posíbeis, ficou a piques de lograr a salvación, mais a sorte estivo de lado de REBI Balonmán Cuenta e Ángel Ximénez Puente Genil, os seus rivais directos nesa batalla.

Con todo, os seus positivos resultados nas últimas semanas son un aval de cara a saír triunfante do play-out fronte un Burgos que non foi quen de conquistar o ascenso nun play-off no que actuou como local.

Para Nacho Moyano, preparador do Frigoríficos, o conxunto burgalés é, "a nivel de proxecto, de adestrador e persoal, un equipo feito por e para conseguir o ascenso", algo que, "por pequenos detalles, non conseguiron no play-off". "Estamos a falar, quizais, do mellor cadro de xogadores da División de Honra Prata", engadiu, vaticinando que os seus homes teñen por diante "dous partidos moi difíciles ante unha moi boa formación" que lles porá as cousas "moi complicadas".

Do mesmo modo, Juan Carlos Quintas, capitán do Cangas, e sen renunciar ao rol de favoritos, recoñece que para el a eliminatoria está "a un 50-50". "O San Pablo Burgos é un grandísimo bloque, con xente con experiencia en Asobal e unha defensa moi contundente e un ataque con moita calidade", analizou.

Comentarios