O Celta suma un punto gris no campo do Raio Vallecano

A escuadra celeste volveu sumar logo da dolorosa derrota ante a Real Sociedade, a pesar de que as sensacións, especialmente cando se aproxima á área contraria, continúan sen ser boas.
 
A pesar de que os madrileños foron superiores, o Celta conseguiu tornar no primeiro equipo que puntúa en Vallecas. (Foto: La Liga).
photo_camera A pesar de que os madrileños foron superiores, o Celta conseguiu tornar no primeiro equipo que puntúa en Vallecas. (Foto: La Liga).

Eduardo Coudet, técnico do Celta, sabía que o equipo necesitaba cambios para recuperar a senda do triunfo ante o Raio Vallecano e sorprendeu cun impensábel: Iago Aspas, ao banco. O lugar do de Moaña foi ocupado polo brasileiro Thiago Galhardo na que foi a súa primeira titularidade, situación moi similar á que viviu Kevin Vázquez, que xogou o seu segundo partido ligueiro en substitución do mancado capitán Hugo Mallo.

Os primeiros intres de partido foron unha sorte de déjà  vu do duelo da semana pasada, pois os celestes arrancaron cunha gran intensidade traducida en presión ofensiva que bloqueaba calquera intento de sacar o balón controlado. 

Lamentabelmente isto non foi acompañado de ocasións de gol, e no minuto 13, practicamente no primeiro balón que tocaba, o 'Tigre' Falcao puxo a proba a axilidade do porteiro Matías Dituro, que repeleu o disparo do colombiano cunha gran intervención. Esa acción marcou un antes e un despois, e a partir dese momento o conxunto de Vallecas estirou liñas tratando de localizar o Tigre. 

O Celta, ademais, retiraba alcanzado o ecuador do primeiro tempo un dos seus futbolistas máis en forma, Santi Mina, lesionado, para dar entrada a Augusto Solari, o que implicou un cambio na disposición táctica estabelecida por Coudet, pois o arxentino desempéñase nunha posición máis retrasada que o goleador galego, aínda que a mellor e case única ocasión clara de gol do Celta nacería nas súas botas, concretamente dun centro envelenado que a piques estivo de introducir na portería contraria Galhardo, pero Dimitrievski foi quen de desviar a córner.

Tras o descanso o choque mantivo a mesma tónica: estabilidade no medio campo, con maior control e oportunidades por parte do Raio Vallecano -en gran parte grazas ao desempeño do mediocentro vigués Santi Comesaña, insuperábel-, contexto que obrigou periodicamente a que Dituro seguise reivindicándose como a mellor fichaxe olívica nesta tempada 2021/22. 

A tardía entrada de Aspas -no minuto 80- xunto á doutros homes de corte máis defensivo como Okay denotaba a satisfacción de Coudet coas táboas no campo dun equipo que contaba os seus partidos na casa por vitorias, rematando o partido cun resultado de 0-0. 

O Dépor recupera o liderado da Primeira RFEF

Cambiando o foco da máxima categoría á Primeira RFEF, o Real Club Deportivo da Coruña recuperou o liderado logo de superar o Zamora pola mínima (1-0) cun solitario gol de Williams de Camargo a pase de Noel, logo dunha maxistral xogada en banda dereita do canteirán.

Agora, aínda que na cabeza da táboa, o club herculino permanece empatado a 20 puntos con tres equipos máis: Unionistas de Salamanca, Rácing de Santander e unha Unión Deportiva Logroñés que, precisamente, recibirá a visita do Deportivo na próxima xornada.

Con respecto ao choque ante o Zamora, a pesar do claro favoritismo branquiazul tanto por xogar na casa como pola situación clasificatoria do seu rival, sumido nos postos de descenso, o partido non foi nin moito menos un paseo militar.

Ben conscientes das súas limitacións, os zamoranos optaron por fecharse atrás, xuntar liñas e, na medida do posíbel, protagonizar algunha contra que puidese cambiar o guión do previsíbel acoso e derribo deportivista sobre a portería defendida por Villanueva.

Deste modo, e a pesar de que o Dépor tivo varias opcións de adiantarse no marcador, o gol non chegaría até o minuto 73, logo de que o preparador herculino, Borja Jiménez, dera entrada desde o banco dos suplentes aos dous homes que protagonizaron o tanto da vitoria, Noel e Williams.

'Subidón' do Rácing de Ferrol e caída do Celta B

Sen deixar a categoría de bronce, os outros dous equipos do país na mesma, Rácing de Ferrol e Celta B, correron sorte dispar, pois os Diaños Verdes gañaron 0-2 na casa do Raio Maxadahonda, mentres que o filial celeste caeu en Vigo ante a UD Logroñés (0-1).

Cos tres puntos logrados ante os madrileños o Rácing ascende catro postos dunha soa vez na clasificación, e con 15 en total mira con optimismo de novo a zona de play-off de ascenso á Segunda División, que fecha o devandito Raio Maxadahonda con 19.

Pola súa banda, logo da súa derrota o Celta B afástase deses postos de privilexio, aínda que o seu máximo responsábel, Onésimo Sánchez, gabou o traballo dos rapaces olívicos: "Puidemos facer entre dous e tres goles, hai que recoñecer que o esforzo que están facendo os futbolistas nunha categoría que é moi complicada". 

Comentarios