A Coruña torna en xuño na capital estatal do tríatlon co gallo do Campionato de Esprinte

O certame reunirá os nomes máis potentes tanto do panorama masculino como do feminino.
A Mariña, o Parrote, a praza de María Pita e o paseo marítimo serán os escenarios de excepción da proba. (Foto: FETRI).
photo_camera A Mariña, o Parrote, a praza de María Pita e o paseo marítimo serán os escenarios de excepción da proba. (Foto: FETRI).

A Galiza reafirmará, unha vez máis, a súa condición de capital estatal do tríatlon, pois este mes de xuño volverá acoller un evento de gran magnitude: o Campionato de España da modalidade de esprinte, un dos máis numerosos no referente a participación e seguimento.

Programado nos próximos días 15 e 16  na Coruña, a Mariña, o Parrote, o paseo marítimo e a praza de María Pita tornarán no escenario onde medirán forzas os e as mellores triatletas do Estado, nunha tripla cita competitiva que tamén inclúe a disputa da derradeira e decisiva xornada da Liga Nacional de Clubs de Talentos de Tríatlon -reservada ás categorías cadete e xuvenil- e do Campionato de España de Tríatlon por Remudas Mixtas de Talentos.

Deste modo, o sábado 15, ás 15 horas, comezará a acción con este último certame, no que as madrileñas do Carabanchel e os galegos do Cidade de Lugo chegan como líderes entre as mulleres e os homes, respectivamente.

Ese mesmo día 15 de xuño desenvolverase, xa pola tarde (a partir das 16.40 horas), o Estatal de Tríatlon Esprinte, saíndo primeiro os deportistas masculinos e, xa arredor das 17.20 horas, as femininas. A organización estima que a quenda das carreiras elite será ás 19.25 (mulleres) e ás 20.45 (homes).

Para o domingo 16 de xuño fican os Campionatos de España individuais, estreándose coas series preliminares clasificatorias para as finais das categorías júnior, xuvenil e cadete, previstas entre as 9 e as 12 horas.

Unha vez que conclúan, ás 12.30 será a quenda de que os finalistas cadete masculino colidan polo título; ás 12.30, as cadete femininas; ás 13.15, os xuvenís masculinos; ás 13.20, as mulleres desa mesma franxa de idade; ás 14, os júnior masculinos; e baixarán o pano as júnior femininas desde as 14 horas.  

A maiores, o programa de competicións da proba herculina inclúe un espazo para o Circuíto Nacional de Promoción do Tríatlon e o Deporte entre a poboación escolar e infantil Pho3nix Kids Triathlon Series by Javier Gómez Noya, o lendario triatleta galego, que argallou unha carreira non competitiva de acuatlón con saída ás 11 horas do 16 de xuño.

Comentarios