Centenario do Celta

Dos primeiros goles da historia celeste aos que levaron o Celta a Europa. Cal destes atacantes escolles?

As lectoras e lectores de 'Nós Diario' elixen na enquisa de hoxe o primeiro atacante do noso 'XI dos cen anos' do Real Club Celta, partindo dunha pequena escolma que protagonizan Ramón Polo, Nolete, Baltazar, Juan Sánchez e Aleksandr Mostovoi.

Escolma de atacantes do Celta
photo_camera Escolma de atacantes do Celta

Seguimos avanzando na conformación do noso 'XI dos cen anos' do Real Club Celta grazas ás lectoras e lectores de Nós Diario. Hoxe é a quenda do primeiro atacante. Toca iniciar a dianteira con esta pequena escolma.

Comezamos cun auténtico pioneiro, Ramón Polo. Formaría parte do Real Club Celta de Vigo desde a súa fundación no ano 1923 procedente do Fortuna, un dos equipos que deu lugar ao club celeste ao fusionarse co Vigo Sporting. Natural de Corcubión sempre destacou pola súa rapidez e habilidade, moi adiantadas á súa época.

Seguimos con outro histórico do Celta, Nolete. Naceu en Gondomar e chegou ao Celta en 1932, equipo no que estivo até 1943. Unha traxectoria de 113 encontro e case unha centena de goles. Un xogador polémico, porén, xa que após a súa carreira como futbolista pasou a militar na Falange e foi designado como alcalde de Baiona pola ditadura de Franco.

Quenda de Baltazar, xogador brasileiro que recalou no Celta no ano 1985 após arrasar na liga do seu Brasil natal. Formou unha letal parella con Pichi Lucas, que levou baixo a batuta de Colin Addison o equipo olívico ao ascenso a Primeira División con 34 goles, marcando tamén o penalti decisivo co que o Celta de Vigo gañou o playoff de ascenso a Primeira División ante o máximo rival, o Deportivo da Coruña.

Chegamos ao valenciano Juan Sánchez. Chegou no 1994 ao club celeste e militou neste cinco temporadas nun primeiro período e volveu a Vigo en 2004 para disputar outras dúas. Cun total de 43 goles anotados como celtista, Sánchez é lembrado como un dos mellores atacantes da historia do equipo.

Finalizamos con Aleksandr Mostovoi. Pouco hai que dicir que non fose dito xa sobre un dos auténticos mitos celestes. Fichou polo Celta de Vigo na temporada 1996–97 procedente do Estrasburgo. O Celta pagou polo traspaso 325 millóns de pesetas (1.950.000 € aprox.), debutando contra o Real Betis nun partido que gañaron os celestes (2–0). Militou oito temporadas no Celta, xogando 255 partidos de liga nos que anotou 55 goles. En competicións europeas apareceu nun total de 35 partidos, anotando 12 tantos. Sen dúbida un dos mellores celtistas da historia.

Comentarios