Galiza-Panamá

ENQUISA | O XI da Irmandiña: quen ocuparán o medio do campo?

As persoas lectoras de 'Nós Diario' elixen o mellor XI da Irmandiña. Cada día, unha nova enquisa.
A nosa escolma de centrocampistas. (Fotos: Europa Press)
photo_camera A nosa escolma de centrocampistas. (Fotos: Europa Press)

Volve a Irmandiña, volve o equipo nacional da Galiza. O vindeiro 31 de maio unha selección capitaneada polo adestrador Diego Martínez, e en Nós Diario buscamos o XI ideal. Para iso, tal e como fixemos o pasado mes de agosto para conmemorar o centenario do Real Club Celta, as lectoras e lectores serán quen decidan quen son os mellores futbolistas para cada posición. Cada día publicarase unha nova enquisa no xornal para elixir os xogadores, e este sábado, após elixiren o porteiro e os defensas, as lectoras formarán o seu centro do campo ideal, partindo dun esquema 1-3-4-3 e tendo en conta que un dos posíbeis candidatos, o madridista Lucas Vázquez, fica descartado por disputar o 1 de xuño a final da Liga de Campións.

 

Nico González

Titular indiscutíbel nun FC Porto en plena transición, o mediocentro, fillo do lendario xogador e ex adestrador da selección galega, Fran, rematou a liga lusa no mellor momento individual da súa carreira, logo dun duro proceso de maduración do que saíu moi reforzado como competidor.

Gabri Veiga

O talentoso centrocampista só puido apuntar esta tempada en Arabia Saudita 16 goles -marcando catro goles e repartindo tres asistencias- por unhas lesións que incluso fan que sexa dúbida para o partido da selección galega, pero o seu talento suporía un salto de calidade na medular da Irmandiña.

Stefan Bajčetić

O vigués, outro potencial futbolista de segunda xeración dos moitos que poden chegar a integrar o centro do campo da Irmandiña, pisou un terreo de xogo, defendendo a camiseta do Liverpool, por primeira vez en máis dun ano o pasado 5 de maio, rematando así cunha inactividade por lesión que se estendía desde marzo de 2023.

Diego Villares

O único futbolista que aguantou a travesía no deserto dos catro anos seguidos do Deportivo na terceira categoría sae reforzado desta etapa na 'lama', reivindicándose como un activo fundamental no medio do campo branquiazul de cara á próxima tempada na Segunda División.

Brais Méndez

Brais Méndez foi unha das pezas chaves dunha Real Sociedade que deu a cara na Liga de Campións e, como especialista a balón parado, complementaría á perfección unha arte na que tamén destaca especialmente Lucas Pérez.

Santi Comesaña

Compañeiro de Denis Suárez no Vilarreal, aos seus 27 anos goza dunha madurez futbolística que o levou a ser unha das pezas que máis destacou nun ano non especialmente bo do ‘Submarino Amarelo’.

Hugo Álvarez

O de Ourense foi unha das grandes sensación do Celta no último treito da tempada, consolidándose aos seus 20 anos como futbolista do primeiro equipo celeste e contribuíndo decisivamente á salvación do Celta.

Rafinha Alcántara

O irmán de Thiago seguiu os pasos de Rodrigo Moreno e asinou por un conxunto qatarí, aínda que no Celta soñan co retorno dun home que deixou un gran recordo como celeste e que aos seus 31 anos aínda ten moito fútbol nas súas botas.

Outro

Se non che convence algunha das propostas podes propor na enquisa a túa propia.

Comentarios