O feche do mercado axita o avispeiro de Celta e Lugo

Denis, Seferovic, Justo e Pita, nomes propios.
O novo equipo de Suárez é o Espanyol, un rival directo do Celta. (Foto: RCD Espanyol).
photo_camera O novo equipo de Suárez é o Espanyol, un rival directo do Celta. (Foto: RCD Espanyol)

Como os malos estudantes, os clubs de fútbol acostuman a deixar para o último momento as súas incorporacións, e este 2023 non foi excepcional. 

Ás 24 horas de onte fechou un mercado que, a falta dos seus movementos máis postremeiros -dos que non podemos facernos eco nestas liñas por producirse logo do horario de fechamento desta edición- deparou no seu derradeiro día importantes novidades para os principais equipos galegos, en especial Celta e Lugo.

O conxunto celeste oficializou o segredo a voces do adeus de Denís Suárez, un dos seus xogadores estrela, marxinado desde o comezo de tempada por un enfrontamento directo co presidente Carlos Mouriño. Fíxoo cun máis que breve comunicado de só 29 palabras, que evidencia unha fría despedida que contrasta sobremaneira coas 200 que lle dedicou -alén dun vídeo de agradecemento-, por exemplo, a Brais Méndez no seu adeus.

Contra o que dita o sentido común, o de Salceda, que resaltou nas súas redes que se ve "obrigado" a marchar, reforzará un rival directo na loita pola salvación, o galeguizado Real Club Deportivo Espanyol de Joselu Mato e Diego Martínez. 

 Para ocupar o enorme oco que deixa o centrocampista chegou un nome que non ilusiona: Haris Seferović. A súa incorporación resulta sorprendente, porque o poderoso dianteiro suízo de 30 anos e 1,89 metros de altura responde a un perfil similar ao de Larsen e Paciência.

Ademais, e a pesar de que conta cunha ampla experiencia internacional tanto coa súa selección como en clubs potentes das ligas española, italiana, alemá ou portuguesa, a súa participación no seu club de procedencia -o Galatasaray turco, onde estaba cedido polo Benfica- foi pouco menos que testemuñal, xa que tan só leva 377 minutos xogados, nos que non foi quen de anotar ningún gol.

Fran Justo, enésima vítima de Tino Saqués

E se as augas baixan revoltas na escuadra olívica, o Lugo está en plena alerta de tsunami, pois o presidente Tino Saqués cobrou a súa enésima vítima, destituíndo Fran Justo tras sumar só dous triunfos en nove partidos. 

A medida desatou un torrente de reaccións, pois levou á dimisión do secretario técnico Carlos Pita -segundo avanzou o xornal El Progreso- e  a unha manifestación baixo o lema "Tino vaite xa!" convocada o 5 de febreiro ás 20.15 horas no Ángel Carro.

Comentarios