Lendoiro cobrou todos estes anos un salario sen que o Rexistro Mercantil tivera información do acordo do clube para que o percibira. Oito millóns de euros en catorce anos cobrados até a chegada do informe dos administradores concursais sobre a má xestión do presidente.
Non ter presentado o acordo do clube polo que Lendoiro levaba un 1% do orzamento do Depor foi un erro que agora quixo arranxar presentando toda a documentación. Eis a resposta ao estudo realizado por AD Cryex, agora en mans do xuíz substituto do Mercantil nº 2 da Coruña.
Para tranquilizar a situación e responder ao informe concursal o presidente do Depor realizou onte unha conferencia de imprensa no Playa Club. O presidente do Depor, arroupado polos seus tres conselleiros máis fieis, Felipe Marcos, Francisco Dopico e Jesús Rebollo, recoñeceu que non ten moita relación cos administradores concursais. Asegurou que entre eles e o consello de administración relaciónanse "por carta" e chegou a pedir "unha reunión de cando en vez".
Tamén rexeitou as acusacións de "má xestión" e postulouse como a mellor opción para tirar o clube do buraco. "Se alguén pode salvar a situación é o actual consello", asegurou.
Foto: Canal Deportivo