Máis de medio centenar de peñas chaman á mobilización pola oficialidade das seleccións galegas

A manifestación, na que tamén participará a organización Vía Galega, terá lugar en Vigo antes do Galiza-Panamá.
As rúas das diferentes capitais galegas levan décadas acollendo manifestacións reivindicando a oficialidade dos combinados nacionais galegos (Foto: Nós Diario).
photo_camera As rúas das diferentes capitais galegas levan décadas acollendo manifestacións reivindicando a oficialidade dos combinados nacionais galegos (Foto: Nós Diario).

Baixo o lema 'Unha nación, unha selección', máis de 55 peñas e colectivos de seareiros e seareiras de equipos de toda a Galiza, agrupados en Bancadas pola Oficialidade, fan un chamamento á mobilización coincidindo co partido da Irmandiña que terá lugar esta semana.

Neste sentido, as Bancadas reclamarán a oficialidade das seleccións galegas o vindeiro día 31 de maio nunha manifestación en Vigo que terá lugar antes do partido ante Panamá anunciado pola Federación Galega de Fútbol.

A manifestación, na que tamén participará a organización Vía Galega, partirá ás 18:30 horas desde Praza América transcorrendo pola Avenida de Fragoso até chegar a explanada do Estadio de Balaídos, lugar onde concluirá o acto.

Rivalidades á marxe

As peñas e colectivos convocantes, deixando de lado as rivalidades e as cores, fan un chamamento a todos e todas as seareiras a que "acudan a apoiar a nosa elección nacional e que o día 31 de maio se converta nunha xornada de festa, reivindicación e convivencia".

Previamente, Bancadas pola Oficialidade elaborou un comunicado no que mostraba unha posición crítica sobre o anuncio da Federación Galega de Fútbol. "Aos gobernantes actuais non lles importa o máis mínimo a posibilidade de que a Galiza conte cunha selección oficial", sinalaban.

"Mais nós témolo claro, a Galiza é unha nación e temos dereito a contar cunhas seleccións propias e oficiais, que representen a nosa identidade e o noso sentimento. Por iso, non podemos aceptar dinámicas como as actuais, sen propostas claras por parte da Federación Galega ou do Goberno da Xunta para traballar a prol da oficialidade e debemos exixirlles verdadeiros compromisos para que esta sexa unha realidade", acrecentaban.

Comentarios