A metade dos clubs de Primeira RFEF rexeitan a proposta federativa

Os clubs demandan á RFEF unha xuntanza para acadar un consenso. 
O Presidente da RFEF (Foto: RFEF)
photo_camera O Presidente da RFEF (Foto: RFEF)

O futuro da Primeira RFEF segue sen resolverse. Rematado o prazo dado pola Real Federación Española de Fútbol, a resposta foi por carta e nela 18 clubs criticaban o “ultimato” federativo e consideraban que en “48 horas é moi difícil, cando non imposible nalgúns casos por limitacións estatutarias, convocar aos diferentes órganos de goberno das nosas entidades para adoptar unha decisión colexiada e consensuada”. 

Por este motivo, sinalan que non lles parece “viábel a imposición de modelos que coartan a nosa liberdade de obrar, ou a firma de cheques en branco para que se nos impoñan regulamentacións non acordes coa actual normativa federativa”.

Por todo isto, piden á RFEF que deixe “sen efecto” a votación e que convoque ás entidades deportivas implicadas neste proceso a unha reunión cos representantes dos órganos directivos da Federación para, entre todos, acordar a creación do modelo que se pretende. 

Ademais destes 18 clubs, algunhas fontes sinalan que despois de enviarse a carta engadiríanse dous máis polo que xa serían vinte os descontentos coa fórmula que lles quere impor a Federación, a metade dos que participan nesta categoría.

En relación aos equipos galegos que compiten nesta categoría, desde o Deportivo afirman que non realizarán ningunha declaración pública até que se proceda a votar na vindeira reunión.

Por parte do Celta, en relación ao filial, aseguran que aínda non teñen toda a información necesaria para facer unha valoración sobre este tema que, tamén, queren tratar na vindeira xuntanza. 

O Pontevedra, máis alá das declaracións realizadas pola súa presidenta días atrás, tampouco se quere pronunciar. Tampouco dá a súa opinión de maneira pública o Racing de Ferrol, outro dos clubs implicados.

Comentarios