Atletismo

Ana Peleteiro, Adrián Ben, Ester Navarrete e Belén Toimil asaltan o Europeo

O mellor atletismo continental rétase en Roma.
Ana Peleteiro apura a súa preparación para os Xogos. (Foto: Europa Press)
photo_camera Ana Peleteiro apura a súa preparación para os Xogos. (Foto: Europa Press)

O preparador do combinado estatal de atletismo, José Peiró, facilitou esta cuarta feira a listaxe definitiva de atletas que viaxarán até a capital italiana, Roma, para participar nun Campionato de Europa que se estenderá desde o 7 até o 12 do próximo mes de xuño.

Na expedición, integrada por un total de 35 homes e 33 mulleres, estarán catro deportistas da Galiza: Adrián Ben, Ester Navarrete, Ana Peleteiro e Belén Toimil, nomes que, ademais, prometen estar entre os mellores nas súas respectivas categorías.

Deste modo, o corredor de Viveiro regresa a unha gran cita internacional logo de ser excluído polo propio Peiró do Mundial disputado o pasado mes de febreiro de 2024 co obxectivo de volver subir a un podio que coroou no Europeo de Atletismo en Pista Cuberta de 2023, cando rematou na primeira posición. Para iso terá que comezar con bo pé nunha semifinal programada ás 19.50 horas do sábado, 8 de xuño.

Pola súa parte, Ana Peleteiro, consciente de que a lesión da venezolana Yulimar Rojas multiplica expoñencialmente as súas oportunidades de converterse en campioa olímpica nos inminentes Xogos de París 2024, aspira tamén á medalla de ouro no triplo salto nunha final prevista ás 21.21 horas do domingo, 9 de xuño.

No peso, a mugardesa Belén Toimil, que xa conta coa mínima olímpica para estar na gran cita gala, debe confirmar as boas sensacións das que fixo gala nos últimos tempos nunha proba de lanzamento de peso que terá a honra de abrir o torneo, ás 14.30 horas do 6 de xuño.

E, finalmente, Ester Navarrete, que tamén ten garantida a súa presenza nos Xogos de París 2024, encara a media maratón feminina ás 9 horas do domingo 9 de xuño.

O mellor da Milla galega xúntanse en Lourenzá

O Concello de Lourenzá, na comarca da Mariña, recibirá o próximo sábado, día 1 de xuño, o Campionato Xunta da Galiza de Milla en Ruta e de 1 Quilómetro, un evento que se desenvolverá pola zona urbana da localidade a partir das 16.45 horas.

A organización revelou, nun acto de presentación que tivo lugar esta cuarta feira, que xa van inscritas máis dun cento de atletas, distribuídas nas categorías de idade Sub-10, Sub-12, Sub-14, Sub-16, Sub-18 e absoluta.

Comentarios