Á saída do hotel de concentración

A Policía carga contra seareiros e seareiras do Dépor na Coruña

A carga tivo lugar o sábado á tarde ás portas do hotel no que se concentraba o Dépor, cando todo transcorría con normalidade, segundo relatan afeccionados e afeccionadas que animaban os futbolistas.

[Imaxe: @natiogal]
photo_camera [Imaxe: @natiogal]

Os Riazor Blues, co apoio da Federación de Peñas, convocara os afeccionados e afeccionadas do Dépor ás portas do hotel no que se concentraba o equipo para animar os xogadores antes do partido que enfrontaba os coruñeses contra o Levante. Fontes consultadas por Sermos Galiza indican que todo transcorría con normalidade até que, de súpeto, a Policía comezou a cargar contra os seareiros e seareiras.

A propia Federación de Peñas do Deportivo aludiu o acontecido o sábado como un “ataque da Policía”. Segundo recolle La Opinión, citando fontes da Federación, a carga comezou cando os xogadores comezaron a saudar os afeccionados.

Seareiros e seareiras do Dépor que estaban presentes no paseo marítimo, fronte ao hotel, denuncian que a carga tivo lugar malia a presenza de crianzas e anciáns. O pavor que espertou a carga nesta zona concorrida do paseo marítimo provocou que moitas persoas tratasen de fuxir dos golpes da policía invadindo a calzada. Outros afeccionados responderon ao ataque co lanzamento de bengalas.

Comentarios