A World Surf League chegará á Galiza: cales son as praias que recibirán o certame?

O país reafirma o seu peso no mundo do surf.
Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña. (Foto: Deputación da Coruña)
photo_camera Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña. (Foto: Deputación da Coruña)

A World Surfing League (WSL) volve este verán ás costas galegas con tres probas que contarán co apoio da Deputación da Coruña e que serán as únicas do circuíto mundial que se disputen no territorio do Estado español: o Abanca Pantín Classic Galicia Pro, o Cabreiroá Junior Pro Razo e o Gadis Longboard Festival Ferrol. 

Todas elas presentáronse esta quinta feira en Santiago de Compostela nun acto no que participaron o vicepresidente e titular de Turismo do ente provincial, Xosé Regueira; os alcaldes de Valdoviño, Carballo e Ferrol (Alberto González, Evencio Ferrero e José Manuel Rei Varela, respectivamente); o xerente de Turismo da Galiza, Antonio Casas; e Yago Barreto, representante da World Surfing League.

Deste modo, surf, música en vivo, sorteos e food trucks encherán o programa das tres competicións, que reunirán os mellores nomes do panorama internacional en diferentes categorías e especialidades nas praias de Pantín (Valdoviño,  do 24 de agosto ao 1 de setembro), Razo (Carballo, do 24 ao 28 de setembro) e A Fragata (Ferrol do 13 ao 16 de xuño).

Durante a súa intervención, Xosé Regueira salientou o potencial do deporte, en xeral, e do surf, en particular, como "elemento tractor dentro do turismo, pois falar de surf é falar de economía, dun perfil de visitante diferente, máis responsábel e comprometido tamén co territorio", engadiu.

Para el, "o sector económico relacionado co surf que se está a desenvolver é relevante non só para os municipios de costa, senón para os de todo o territorio", onde buscan "diversificar e crear produtos de tracción internacional que só se poden ofrecer coa colaboración entre as Administracións Públicas, como a Deputación da Coruña, a Xunta e os concellos, co sector privado.

Comentarios