Os Premios Zona Press regresan para recoñecer o mellor do básquet

A gala volverá despois de seis anos de ausencia.
Ricardo Aldrey e Óscar Losada. (Foto: Concello de Ferrol).
photo_camera Ricardo Aldrey e Óscar Losada. (Foto: Concello de Ferrol).

Os Premios Zona Press de baloncesto regresarán para levar a cabo a súa sétima edición logo dunha parada de seis anos. Serán, concretamente no auditorio do centro cultural Torrente Ballester de Ferrol esta próxima sexta feira, 7 de xuño, a partir das 19 horas.

A presentación deste evento tivo lugar na cidade departamental, nun acto conducido polo concelleiro de Deportes, Ricardo Aldrey, e o director da revista organizadora, o xornalista e escritor Óscar Losada Castro

O edil destacou que os Zona Press son "os únicos galardóns existentes no básquet galego", e puxo en valor a contribución que realiza tanto para Ferrol como para o baloncesto do conxunto do país o Baxi, ao que definiu como "o club máis recoñecido na historia destes galardóns". "Agardamos que este ano algúns deles vaian para xente de equipos de aquí, engadiu Ricardo Aldrey. 

Con respecto ás categorías, nesta ocasión serán 10, con catro finalistas en cada unha delas: 'Mellor xogador e xogadora galega', 'Mellora xogador e xogadora dun equipo galego', 'Mellor xogador e xogadora estranxeira dun equipo galego', 'Mellor promesa feminina e masculina galega', 'Mellor preparador dun equipo galego (feminino ou masculino)' e 'Mellor árbitro galego'. 

E, a maiores, concederase un premio á traxectoria que recaerá en Manolo Aller, ex xogador do Obra Atlética Recreativa (OAR) Ferrol, entidade desaparecida en 1996 e que militou durante 13 tempadas na máxima categoría do baloncesto masculino estatal.

Por último, Óscar Losada salientou o feito de que neste 2024 regrese a gala dos Premios Zona Press, explicando que para el é "moi importante dar vida a este tipo de recoñecementos para a xente do baloncesto galego".

Comentarios