Presidentes territoriais do fútbol piden agora a dimisión de Luis Rubiales

Após aplaudirlle durante a última asemblea da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) as federacións territoriais reclámanlle a Rubiales que renuncie ao seu cargo.
O presidente da RFEF en funcións, Pedro Rocha, encabezou a reunión das Territoriais que pediron a dimisión de Rubiales. (Foto: RFEF).
photo_camera O presidente da RFEF en funcións, Pedro Rocha, encabezou a reunión das Territoriais que pediron a dimisión de Rubiales. (Foto: RFEF).

A Comisión de Presidentes de Federacións Autonómicas e Territoriais da RFEF pediu a Luis Rubiales que presente a súa dimisión "de maneira inmediata" como presidente deste organismo, tras o bico á internacional Jennifer Hermoso na celebración do Mundial disputado en Australia e Nova Zelandia.

"Despois dos últimos acontecementos e os inaceptábeis comportamentos que danaron con gravidade a imaxe do fútbol español, os presidentes solicitan que, de maneira inmediata, D. Luis Rubiales presente a súa dimisión como presidente da RFEF", indican nun comunicado tras a reunión decorrida esta segunda feira na Cidade do Fútbol de Las Rozas.

Apoio a Rocha

Así mesmo, as Territoriais instaron o presidente en funcións da RFEF, Pedro Rocha, a que se retire de inmediato a última comunicación en nome da federación coa FIFA e a UEFA que coñeceron esta segunda feira e déronlle o seu apoio unánime para que lidere unha nova etapa "onde o diálogo e a reconciliación con todas as institucións do fútbol sexa a liña para seguir".

Dita comunicación faría referencia ao recurso por unha presunta inxerencia do Goberno no 'caso Rubiales', aínda que o presidente do Consello Superior de Deportes (CSD), Víctor Francos, indicou esta mesma segunda feira que a UEFA "non" recibira tal demanda que podería pór en risco a participación da selección en competicións internacionais.

As territoriais felicitaron "efusivamente" a selección feminina de fútbol polo seu triunfo na Copa do Mundo, e valoraron o significado e o legado do éxito para o deporte español. "Presentamos a nosa admiración e agradecemento a un grupo de xogadoras irrepetíbel e estendemos a nosa felicitación a todas aquelas persoas que construíron, ao longo dos anos con empeño, o crecemento do fútbol feminino", indicaron.

Cambios na RFEF

Así mesmo, anunciaron a súa intención de instar os órganos correspondentes a unha "profunda" e "inminente reestruturación orgánica" en cargos estratéxicos da federación para dar paso a unha "nova etapa de xestión" no fútbol español.

Tras a suspensión da FIFA a Luis Rubiales activáronse os protocolos internos da federación, e expresaron o compromiso de continuar aplicando o seu investimento, así como as políticas de igualdade para o desenvolvemento do fútbol feminino.

Por outra parte, puxéronse ao dispor do Consello Superior de Deportes e de todas as institucións implicadas para "seguir construíndo" xuntos a candidatura ao Mundial de 2030. Víctor Francos declarouse "preocupado" esta segunda feira porque, segundo dixo, hai dúas semanas España estaba "mellor situada" para organizalo.

Comentarios