PREVIA | Bordalás pon a proba o 'método Carvalhal'

Tres puntos celestes ante un renovado Xetafe fecharían a salvación 
Un dos principais intereses do encontro recae na radical confrontación de estilos que representan Carvalhal (esquerda) e Bordalás. (Foto: Europa Press).
photo_camera Un dos principais intereses do encontro recae na radical confrontación de estilos que representan Carvalhal (esquerda) e Bordalás. (Foto: Europa Press).

Apenas tres días despois da decepción que supuxo no seo da afección que o equipo non fose quen de fechar a permanencia a pasada fin de semana, o Celta ten unha oportunidade de ouro para conseguila hoxe na casa dun conxunto directamente implicado na pelexa pola salvación e en plena crise de xogo, resultados e mesmo institucional, o Xetafe.

O horario, como non podía ser doutro modo na Liga de Fútbol Profesional (LFP) de Javier Tebas cando de partidos intersemanais se trata, é malo: ás 22 da noite. Tanto, que até o mesmísimo adestrador celeste, Carlos Carvalhal, atreveuse a criticalo na rolda de prensa previa ao partido, recoñecendo que se el fose un seareiro calquera non iría ao campo.

"Normalmente vou durmir ás 22.30 ou 23, porque teño que madrugar, espero non quedar durmido no banco"

Pero horarios á marxe, o encontro de hoxe non da pé a brincadeiras, porque un Celta absolutamente fundido fisicamente -como evidencia o baixón no rendemento de pezas chave como Iago Aspas ou Gabri Veiga- necesita sumar os 42 puntos que garanten virtualmente a salvación canto antes se non quere pasar apuros nas últimas xornadas de campionato.

O novo estilo de Bordalás

Desesperada por enderezar o rumbo dunha nave que afunde -o Xetafe é penúltimo con 31 puntos-, a directiva azulona decidiu destituír Quique Sánchez Flores e recuperar a quen fora o seu técnico entre 2016 e 2021, José Bordalás.

Aínda que o vello mito de "a adestrador novo, vitoria segura" quedou desmentido unha vez máis coa derrota ante o Espanyol no seu debut, o estilo ultradefensivo e duro -moitas veces ao límite do regulamento- que o alacantino imprime aos seus equipos promete dificultar sobremaneira o obxectivo dos tres puntos.

Para logralos, Carvalhal non quixo revelar quen saltará ao terreo de xogo do Coliseo Alfonso Pérez, pero todo apunta a cambios con respecto a derrota co Vilarreal, sendo un posíbel once o conformado por Iván Villar, Hugo Mallo, Aidoo, Unai, Javi Galán; Tapia, Gabri, Luca, Cervi, Aspas e Seferović.

Comentarios