Fútbol

A PREVIA | O Fortuna quere facer historia poñendo o broche de ouro a un centenario agridoce

O filial do Celta recibe este sábado en Balaídos (18.30 horas) o Málaga na ida das semifinais polo ascenso.
Pablo Durán, Alfon e Fer López celebrando un gol en Balaídos. (Foto: RC Celta)
photo_camera Pablo Durán, Alfon e Fer López celebrando un gol en Balaídos. (Foto: RC Celta)

Ningún filial dun equipo galego  logrou aínda alcanzar a Segunda División estatal, un soño que este ano revive por segundo curso consecutivo o Celta Fortuna. Hai un ano, con Claudio Giráldez ao temón, escapouse pola mínima a primeira rolda eliminatoria ante un Eldense que acabaría consumando o ascenso; este sábado (Balaídos, 18.30 horas), baixo a dirección de Fredi Álvarez —desde marzo— e coa ilusión de pór o broche de ouro a un centenario agridoce, os celtiñas teñen unha nova oportunidade, desta volta medíndose en semifinais cun histórico en horas baixas, o Málaga.

Fredi convocou para este encontro todos os xogadores dispoñíbeis, coa única baixa de Manu Garrido. Volven Raúl Blanco tras sanción e Víctor San Bartolomé tras lesión, e reincorpóranse ao filial, após xogaren co primeiro equipo o último partido ante o Valencia, Yoel Lago, Javi Rueda, César Fernández, Damián Rodríguez e Hugo Álvarez, os dous últimos chamados a marcar as diferenzas no play-off.

O Málaga viaxou esta sexta feira a Vigo cos 25 futbolistas dispoñíbeis, que foron recibidos por unha multitude malaguista no aeroporto de Peinador. Os andaluces chegan a Vigo coa meta entre cella e cella de voltar ao fútbol profesional após non logralo na tempada regular nun grupo no que o Castellón se proclamou campión e, polo tanto, logrou o billete directo a Segunda.

Final polo título

E precisamente o Castellón será o rival este domingo (21 horas) do Deportivo no choque de volta da final de campións da Primeira Federación. Os coruñeses remontaron en Riazor grazas a dous goles de Lucas Pérez e Pablo Martínez que lle outorgaron un triunfo pola mínima (2-1).

Última xornada en Segunda

Tamén este domingo (16.15 horas) o Racing de Ferrol despide unha campaña para o recordo ante un Andorra xa descendido. Os de Cristóbal Parralo loitaron até a penúltima xornada por entrar nas eliminatorias polo ascenso no seu regreso a Segunda tres lustros despois.

A pola remontada

A xornada deste domingo continuará co Pontevedra CF, que buscará en Pasarón (18h) remontar unha final polo ascenso a Primeira Federación na que o filial do Real Betis asestou o primeiro golpe (1-0) a pasada semana no Benito Villamarín.

Ascenso a Segunda RFEF

Por último, UD Ourense e Celta C Gran Peña redondean este domingo de fútbol (12h) na ida das semifinais polo ascenso a Segunda Federación.

Comentarios