EUROCOPA

A primeira semifinal da Eurocopa decídese a cara ou cruz

A 'Roja' e 'Les Bleus' coliden por un posto na finalísima de Berlín.
Aliviados polos resultados das eleccións galas, os Mbappé e compañía xa están 100% centrados no fútbol. (Foto: AFP7 / Europa Press).
photo_camera Aliviados polos resultados das eleccións galas, os Mbappé e compañía xa están 100% centrados no fútbol. (Foto: AFP7 / Europa Press).

As xornadas de descanso  activaron oficialmente a conta atrás para a finalización da Eurocopa de Alemaña 2024, que baixará o pano esta semana logo dun intenso mes de fútbol que, en liñas xerais, estivo moi lonxe de alcanzar as excelsas cotas ás que se elevou o torneo en 2021, reabrindo o debate sobre o excesivo peso da táctica e o físico sobre o talento individual e a improvisación na actualidade.

Un dos máximos expoñentes dese mal foi a selección francesa, que colidirá coa española ás 21 horas desta terza feira no Múnic Fútbol Arena na primeira das semifinais. Clasificada para a penúltima rolda sen ser quen de marcar un solo gol de xogada, a gran favorita a levantar o título antes do inicio da Euro conta co mellor bloque home por home (Mbappé, Griezmann, Dembélé, Tchouamení, Camavinga, Kanté...), mais o técnico Didier Deschamps non foi quen de traducir a súa superioridade física e solidez como colectivo en espectáculo para a afección.

Caso diametralmente oposto é o da 'Roja'. Moi cuestionada pola prensa da capital do Estado, o grupo confeccionado polo inexperto Luis De la Fuente demostrou partido a partido que non só é quen de gañar, senón de jogar bonito, grazas, especialmente, ao descaro dos seus extremos, Nico Williams e Lamine Yamal.

Agora, Francia e España enfróntanse nun duelo clásico -o primeiro tivo lugar hai máis dun século, en 1922- que, polo xeral, decántase do lado galo nos partidos oficiais. Así, e no referente á Eurocopa, pese a que no seu último choque impúxose a 'Roja' (2 a 0 nos cuartos de final de 2012), no ano 2000 venceu Francia precisamente nesa rolda (1-2, co inesquecíbel fallo de Raúl ante Barthez desde os 11 metros); en Inglaterra '96, empate a un gol na fase de grupos cun tanto de Caminero sobre a bucina ('86); e na finalísima de 1984, nova vitoria dos bleus, que sacaron petróleo dun incríbel fallo de Arconada.

Con todo, sería inxusto omitir que no seu balance global de enfrontamentos -moi condicionado polos amigábeis- España está por diante, con 16 triunfos por sete empates e 13 derrotas. 

Comentarios