A RAG sube á rede o legado do fundador do Deportivo

O fondo da familia Calvet xa está na Galiciana.
Federico Calvet (no centro, de branco e con bigote) fundou o Dépor.
photo_camera Federico Calvet (no centro, de branco e con bigote) fundou o Dépor.

A Real Academia Galega (RAG) vén de subir á rede preto de 700 documentos que compoñen o fondo da familia Calvet, coincidindo coa inminente celebración do Día Internacional dos Arquivos (9 de xuño).

Esta colección abrangue documentos de temática diversa, desde os comezos do século XIX até o segundo terzo do XX, e representa, no seu conxunto, o modo de vida dunha familia acomodada da Coruña saída das novas profesións liberais, que terían unha importancia capital para o desenvolvemento da activade burguesa e mercantil da cidade.

O legado inclúe imaxes do ximnasio que creou un dos seus membros, Federico Fernández-Amor Calvet (1871-1933), fundou en 1902 na rúa Galera, xermolo do que catro anos despois tornaría no Real Club Deportivo da Coruña, o equipo de fútbol máis antigo da Galiza.

Coñecido até 1911 como Club Deportivo da Sala Calvet, neste fondo familiar, que xa é accesíbel para calquera persoa interesada a través da plataforma online Galiciana-Arquivo Dixital da Galiza, consérvanse dúas fotos nas que aparece o fundador.

Nunha delas posa acompañado dos demais membros do grupo de tiradores de esgrima, vestidos co uniforme e con sabres, espadas e floretes, e mais o seu fillo. A outra é un retrato realizado por Sellier, pioneiro da fotografía no país, que ilustra a substitución do entroido popular polos 'bailes de traxes' que adoptaron naquela época as clases adiñeiradas

Eva Dios, 'in'; Luis Quintero, 'out'

Se Federico Fernández-Amor Calvet representa o pasado do Deportivo, Eva Dios e Luis Quintero son nomes vinculados ao presente branquiazul. Ou polo menos até o día de onte, pois o colombiano non continuará na escuadra herculina durante a próxima tempada.

Chegado no mercado de inverno en calidade de cedido, a directiva decidiu non exercer a opción de compra da que dispoñía polo extremo de 19 anos pertencente ao Vilarreal, logo de non gañarse a confianza dun Idiakez que só contou con el durante 38 minutos. Polo contrario, a galega Eva Dios seguirá alimentando a súa lenda no Dépor, pois a muller que xa é a quinta futbolista con máis partidos na historia do club (103) renovou o seu contrato até xuño de 2025.

Comentarios