ENTREVISTA

Raúl Couto: "Vivir da patinaxe é máis difícil que un Mundial"

Hai dous meses entrevistabamos a nadadora sincronizada Daniela Suárez. Esta cuarta feira, é a quenda doutro deportista galego nado no ano 2008 que promete dar moito que falar en anos vindeiros, o oleirense Raúl Couto, que acumula medallas internacionais na patinaxe de fondo.
O futuro está garantido con talentos como Raúl Couto. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O futuro está garantido con talentos como Raúl Couto. (Foto: Nós Diario).

—O seu é o último gran nome xurdido da fábrica de talento da  Sociedade Cultural e Deportiva (SCD) Rabadeira, collendo a remuda dun Manu Taibo que xa é cuádruplo medallista mundial e triplo europeo júnior. Que o levou a interesarse pola patinaxe? 
Foi algo familiar, pois a miña nai e os meus irmáns xa patinaron antes ca min, así que tocou entrar nese mundo (ri).

—Unha das características da patinaxe é que ofrece unha ampla variedade de modalidades. No seu caso, no último Campionato de Europa da categoría xuvenil, disputado en Valence D’Agen (Francia), foi quen de ascender ao segundo chanzo do caixón na proba dos 5.000 metros puntos na especialidade de pista, a mesma na que xa en 2022 foi bronce infantil no Estatal. É esa a distancia na que se sente máis cómodo?
Cando era máis pequeno prefería as probas de velocidade, dábaseme mellor, pero ao ir medrando o corpo foi adaptándose e acostumándose á modalidade de fondo, así que agora prefiro as distancias longas, como os 5.000 metros. Non obstante, eu creo que estou máis cómodo nos 10.000 metros, onde son quen de adestrar ao máximo con compañeiros que son bastante maiores ca min. 

 O patinaxe de fondo gústame porque, ademais de ser moi bonito, dentro das carreiras pásase moi ben, e moi divertido, aínda que tamén é bastante duro. Hai que pensar que podes percorrer desde os tres quilómetros até os 42, polo que necesitas adestrar bastante para aguantar sobre os patíns, que son en liña e de catro rodas.

—Aínda que falta tempo para que poida dar o salto á categoría absoluta, na base non deixa de acumular éxitos, como os que citaba anteriormente. Cal foi o que lle fixo pensar que este era, e ía ser xa, o 'seu' deporte?
A miña primeira medalla gañeina aos cinco anos, pero, e sei que dito así vai soar mal, como era dun Campionato Galego non lle din demasiada importancia. Penso que  o momento foi ese bronce no Campionato de España de 2022, resultados que abriron a porta ao Campionato de Europa e ao de España de novo en 2023, onde esta vez xa gañei catro medallas, dúas de bronce e dúas de ouro.

—Como viviu esa primeira experiencia continental no Europeo de Valence D’Agen? 
Foi moi boa. Serviume para coñecer outros competidores, ver outros estilos que se practican fóra... era un obxectivo que tiña en mente desde sempre, aínda que non pensaba en gañar unha medalla, pese a que sabía que eu estaba ben, porque hai moito nivel. Víame entre os cinco ou 1o primeiros, pero non entre os tres mellores.

—Xa a principios de abril deste 2024 deu continuidade á súa experiencia exterior participando en Lagos (Portugal) na segunda proba da European Cup Inline Speedskating, que este ano bateu récord de participación con presencia de patinadores de múltiples nacionalidades, e a pesar da competencia logrou ser primeiro na xeral de probas longas en categoría xuvenil.  
Si. Para esa proba estivemos adestrándonos todos os do equipo desde unha semana antes para familiarizarnos o mellor posíbel coa pista e chegar moi ben preparados, e ao final notouse ese traballo.

—Pensa que chegará o día no que os seus resultados lle permitirán vivir da patinaxe?
Esa é a meta máis difícil de todas, máis que chegar a un Mundial, porque este é un deporte moi minoritario onde dependemos dos patrocinios privados e as axudas públicas.

Seguindo os pasos de Manu Taibo

Raúl Couto ten na casa o modelo a seguir, Manu Taibo, compañeiro seu na Sociedade Cultural e Deportiva Rabadeira. O vixente campión mundial universitario en 'Mass Start' ten catro anos máis que un Couto que leva case literalmente toda a vida subido con el a uns patíns, pois comezou con apenas dous anos de idade.

"Empezamos case ao mesmo tempo, sempre xuntos no equipo, e tornou nun exemplo para min", explica o oleirense, que aínda ten un largo percorrido por diante para reunirse co seu amigo na modalidade absoluta, xa que neste deporte non están permitidos os saltos de categoría, independentemente do talento e os resultados que se demostren. Así, unha vez que remate este segundo ano como xuvenil deberá encarar outros dous como júnior antes de afrontar a absoluta, alá por 2027.

Comentarios