XXOO París 2024

O tomiñés Manu Ochoa estará nos Xogos de París

Foi o elixido pola Federación Española de Piragüismo para participar na nova modalidade de kayak cross após lograr a praza no preolímpico de Praga.
O tomiñés Manu Ochoa, no centro, após vencer na Copa do Mundo de Praga na modalidade de kayak cross. (Foto: RFEP)
photo_camera O tomiñés Manu Ochoa, no centro, após vencer na Copa do Mundo de Praga na modalidade de kayak cross. (Foto: RFEP)

Galiza segue ampliando a súa representación nos Xogos de París. O último en subir ao carro olímpico foi o padexeiro tomiñés Manu Ochoa, que na tarde desta segunda feira recibiu a boa nova por parte da Federación Española de Piragüismo. Ochoa competirá nunha modalidade de slálom que se estrea na capital francesa, o kayak cross.

O combinado estatal asegurara o billete na proba da Copa do Mundo decorrida en Praga (República Checa) a comezos de mes, un evento no que se repartían os últimos billetes para París e no que o propio Manu Ochoa logrou imporse na final aos seus rivais para pendurar o ouro do seu pescozo. Porén, a praza non era nominal, e dependía da Federación seleccionar o seu representante para esta disciplina.

A decisión adiouse até unha vez rematada a última competición internacional antes dos Xogos, a Copa de Europa de Cracovia (Polonia) desta pasada fin de semana. Ochoa alcanzou as semifinais e a Federación decantouse por el en lugar do outro aspirante, o segoviano David Llorente, que en maio obtivo o bronce no Campionato de Europa de Tacen (Eslovenia).

"Miro atrás e penso en todo o tempo que estiven soñando con este preciso momento. Aínda o estou asimilando", dixo o tomiñés, nunha publicación na rede social Instagram, após garantir a súa presenza en París. Para el é un soño competir polos metais olímpicos, mais aínda non é tempo de celebracións, matiza: "Desde hoxe [por esta segunda feira], dou por inaugurada a miña preparación para París 2024. Prometo dar todo o que estea nas miñas mans para, cando chegue o momento, competir ao meu máximo nivel".

Canda Ochoa estará en París o padexeiro catalán Miquel Travé, que competirá tanto en kayak cross como na modalidade C1. E na disciplina feminina desta modalidade as elixidas pola Federación foron as vascas Maialen Chourraut —campioa olímpica en Río 2016— e Miren Lazkano. A elas e eles súmase o tamén vasco Pau Echániz no K1 masculino.

Máis en DEPORTES
Comentarios