Xustiza

O TSXG avala a Cidade Deportiva do Celta en Mos

O alto tribunal desestima o recurso dos comuneiros de Tameiga e da veciñanza de Petelos e blinda o proxecto de forma case definitiva.
Cidade Deportiva Afoteza, en Mos. (Foto: RC Celta)
photo_camera Cidade Deportiva Afoteza, en Mos. (Foto: RC Celta)

Blindaxe case definitiva á controvertida Cidade Deportiva Afouteza de Mos. Perante unha resolución datada do pasado 20 de maio, adiantada pola axencia EFE, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza desestima o recurso contencioso-administrativo que presentaran os comuneiros de Tameiga e mais a Comunidade de Usuarios de Petelos —ambas as dúas parroquias mosenses— contra o acordo do Goberno local, liderado pola 'popular' Nidia Arévalo, para a aprobación definitiva do Plan especial de infraestruturas e dotacións que amparaba legalmente estas infraestruturas.

Un documento, porén, aprobado a posteriori, en 2022, após recibir o Concello dúas sentenzas condenatorias, unha dun xulgado do Porriño e outra do propio TSXG. As forzas da oposición no consistorio viron neste movemento un "pelotazo urbanístico" de Arévalo, se ben agora o alto tribunal galego rexeita o argumentario da veciñanza no referido á suficiencia dos recursos hídricos, que os maxistrados consideran "garantida".

Contra esta sentenza pode presentarse un recurso de casación diante do TSXG no prazo de 30 días desde o seguinte ao da notificación da resolución, ou ben ante o Tribunal Supremo.

Nas últimas semanas, representantes de Ecoloxistas en Acción puxeron o foco nunha vertedura presuntamente procedente de Afouteza que agora está a investigar a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e que, con todo, o Celta nega que se producise nas súas instalacións.

Comentarios