A xuíza Zulema Gento, do xulgado nº 2 do Mercantil da Coruña, tiña enriba da mesa a petición dos administradores concursais de quitarlle poder ao actual presidente do Depor e ao seu consello de administración.
A situación económica da entidade levou ao Depor a pedir voluntariamente o concurso de acredores. Agora, após unha análise en profundidade da documentación, os administradores concursais solicitaron que Lendoiro teña "menos peso" nas decisións económicas do clube.
Xunto a esa petición os administradores realizaron outra que vai parella á primeira: a suspensión total do soldo do presidente e o seu consello de administración. Este medida xustificaríase pola redución tamén no seu "traballo" na entidade. No pasado exercicio, co clube en Segunda División, Lendoiro recibe o 1% do orzamento, un total de 400.000 euros.