Fútbol

O Vilalbés-San Ciprián, na Comisión Antiviolencia

A gravidade da situación levou a Xunta da Galiza a convocar a Comisión Galega de Control da Violencia
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa. (Foto: Xunta)
photo_camera O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa. (Foto: Xunta)

A cara máis negra do fútbol, a violencia, volveu facer acto de presenza na Galiza esta pasada fin de semana durante o encontro correspondente da fase de ascenso á Primeira Galega que enfrontou o Rácing Vilalbés B contra o San Ciprián.

O choque foi suspendido logo dun violento estoupido sobre o terreo de xogo despois de que un xogador do filial da formación de Vilalba propinase unha dura puñada na cara a un rival, que caíu redondo. Inmediatamente, e como dirían na Arxentina, comezou unha tangana na que incluso estiveron implicados afeccionados que saltaron desde as bancadas, o que obrigou á intervención da Garda Civil.

A gravidade da situación levou a Xunta da Galiza a convocar a Comisión Galega de Control da Violencia, co fin de "determinar coa maior precisión posíbel" os feitos acaecidos o pasado domingo no campo da Fonte, en Cospeito.

Reunida esta terza feira, o seu presidente, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, avanzou que "toda conduta violenta será sancionada", e que xa falou cos responsábeis tanto da Federación Galega -entidade que se ocupa do proceso disciplinario no eido estritamente deportivo- e do Comité de Competición.

Comentarios