Xustiza

UEFA e FIFA "abusaron" da súa posición ao impedir a libre competencia nas súas represalias contra a Superliga

A xuíz declara que os Estatutos da FIFA e a UEFA non son compatíbeis coa lexislacións da Unión Europea.
O presidente da UEFA, Aleksander Ceferin (Foto: Jan Woitas / DPA vía Europa Press).
photo_camera O presidente da UEFA, Aleksander Ceferin (Foto: Jan Woitas / DPA vía Europa Press).

A maxistrada do Xulgado do Mercantil Número 17 de Madrid sentenciou que UEFA e FIFA abusaron da súa posición de dominio no mercado e impiden a libre competencia, estimando así de forma parcial a demanda presentada pola European Super League Company S.L. (ESLC), propietaria da Superliga de fútbol, competición proposta polo presidente do Real Madrid, Florentino Pérez.

Na súa sentenza, coñecida esta segunda feira, o xulgado considera que UEFA e FIFA incorreron niso ao atribuírse a facultade discrecional de prohibir a participación en competicións alternativas e impor restricións "inxustificadas e desproporcionadas" que infrinxen os artigos 101 e 102 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE).

A maxistrada Sofía Gil ordena a ambos os organismos a que cesen nesas condutas "anticompetitivas" e prohibe que as repitan no futuro. Tamén os condena a remover de forma inmediata todos os efectos das actuacións anticompetitivas--como expedientes sancionadores ou actuacións equivalentes- que se produciron antes ou durante a duración deste procedemento.

Un procedemento que comezou o 18 de abril de 2021, cando a entidade promotora da Superliga anunciou a posta en marcha do proxecto para unha nova competición de fútbol profesional e exercitou accións en materia de defensa da competencia ante a resposta de UEFA e FIFA.

Nesta sentenza, a xuíz declara que os artigos 22, 70, 71, 72 e 73 dos Estatutos FIFA, o artigo 6 do Regulamento FIFA Partidos Internacionais e os artigos 49 e 51 dos Estatutos UEFA son incompatíbeis cos artigos 101 e 102 do TFUE sobre o marco legal e xurisprudencial do mercado da competencia na Unión Europea.

Faino en sintonía coa resolución do Tribunal de Xustiza da Unión Europa (TXUE), ao que se dirixiu o xulgado madrileño cunha cuestión prexudicial previa a decorrer a vista. Así mesmo, a xuíz declara que o contido das declaracións emitidas por FIFA, UEFA e entidades como as federacións e ligas de Inglaterra, Italia e o Estado español a o 18 de abril de 2021 contra o xurdimento da Superliga infrinxen tamén os artigos 101 e 102 do TFUE.

UEFA e FIFA querían evitar competidores

A sentenza estima parcialmente a demanda presentada por ESLC "por canto a actuación das demandadas non se atopaba dirixida unicamente a evitar o desenvolvemento dun determinado proxecto, senón a evitar a implantación dun terceiro competidor e a modificación do sistema monopolístico da organización de competicións".

Engade que "se mantivo a mesma defensa en todo o procedemento aínda cando o proxecto da Superliga decaese ou polo menos aceptouse que non se vai desenvolver nos termos inicialmente expostos, o que denota que os actos iniciais conectaban coa oposición de modificación do sistema de autorización de competicións por terceiros competidores".

A xuíz sinala que non se pode impor unha prohibición a futuro de calquera outro proxecto ou modificación do xa presentado, porque "admitir o contrario suporía aceptar unha sorte de prohibición ou blindaxe de calquera proxecto de competición futbolística que fose presentado polas demandantes, o cal non é aceptábel", expón.

Ditamina que corresponderá aos intervenientes a súa modificación e adaptación posterior. "Iso non determina que sexa obxecto do procedemento a autorización de calquera competición, senón sentar as bases para canalizar un sistema de libre competencia de organización de competicións de fútbol", explica. Esta sentenza non é firme e pode ser recorrida ante a Sección 28 da Audiencia de Madrid, órgano competente en asuntos de natureza mercantil.

Foi en abril de 2021 cando 12 clubs europeos, entre eles o Real Madrid, o FC Barcelona e o Atlético de Madrid, anunciaron a fundación da Superliga, mais, tras as ameazas dos organismos reitores do fútbol, só permaneceron no proxecto o Real Madrid, o Barça e a Juventus italiana, que tamén acabou abandonando o proxecto.

Comentarios