Entrevista

Michael Roberts, economista: "Estamos nun momento similar a 1930, e sabemos o que aconteceu"

O reputado economista británico Michael Roberts visita esta semana Galiza, unha viaxe na que, ademais de ter reunións e conferencias, aproveitou para dialogar con 'Nós Diario' sobre a actualidade económica a nivel mundial, nun momento no que a incerteza sobre o futuro, segundo salienta, "é moi seria".
O economista británico Michael Roberts, esta cuarta feira, en Santiago de Compostela. (Foto: Arxina)
photo_camera O economista británico Michael Roberts, esta cuarta feira, en Santiago de Compostela. (Foto: Arxina)

Michael Roberts esperta un grande interese alí onde intervén. Diso é proba a atención coa que escoita o público na Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias durante a súa conferencia. Ao rematar, o economista atende as preguntas formuladas por Nós Diario.

—Argumenta vostede que o capitalismo está nunha crise.
Eu chamo este proceso policrise. Non son o primeiro que o chama así. Mais hai catro compoñentes importantes desta crise do capitalismo no século XXI. O máis importante é o económico. As economías importantes non están crecendo moi rapidamente, ou incluso nada, están estancadas. A produtividade do traballo, a cal é clave para o desenvolvemento dunha economía, está estancada, e en algúns países incluso caendo. O crecemento do investimento é débil porque o rendemento é baixo. Podería vostede dicir, ben, como que o rendemento é baixo? Que hai sobre Microsoft e sobre todas estas empresas que están obtendo cantidades enormes de beneficios? Apple obtivo a cantidade máis grande de beneficio que rexistrou nunca, segundo acaba de anunciar. Mais son excepcións. Estas grandes empresas non representan o vasto conxunto de compañías a nivel mundial.

A maioría das empresas non están tendo moito beneficio. Moitas delas non teñen ningún e só sobreviven de pedir prestado. Chamámolas compañías zombie porque funcionan mortas. Seguen vivas, mais non están facendo nada, e teñen un nivel tan baixo de rendemento, que isto fai imposíbel que o capitalismo saía adiante. Por outra parte, tivemos dúas recesións serias no século XXI, en 2008 a chamada gran recesión, mais tamén a da pandemia de 2020. Na última, 95% dos Estados sufriron unha recesión. A situación é preocupante, e fai que os demais problemas teñan difícil solución.

Os países son moi desiguais e hai grandes niveis de pobreza a nivel global

—E cales son os outros compoñentes desta policrise?
O capitalismo non pode resolver a desigualdade e os niveis altos de pobreza ao redor do mundo, os cales son serios. Isto é así porque non hai ningunha expansión da riqueza suficiente, mesmo se as rendas fosen redistribuídas, as cales naturalmente non son repartidas en calquera modo. Ademais, os impostos son insuficientes e o diñeiro é escondido polas empresas capitalistas a través da evasión fiscal. Os países son moi desiguais e hai grandes niveis de pobreza a nivel global. E tamén está a situación ambiental, o cambio de clima, o quecemento global, isto non está sendo resolto porque non é proveitoso para as firmas capitalistas investir en renovábeis, enerxía verde e outras formas de mellora ambiental. Prefiren o rendemento que poden conseguir cos combustíbeis fósiles.

Por último, cada vez estamos enfrontando máis o problema do conflito entre os poderes importantes do mundo debido a este estancamento da economía global. Cada vez é maior a batalla entre os Estados occidentais, os cales están perdendo poder, deixándoo en mans de economías emerxentes, particularmente da China. Estes compoñentes da crise están totalmente ligados á situación económica da que estamos a falar. En consecuencia, temos países occidentais que están perdendo os seus traballos, así como a súa industria básica.

Michael Roberts. (Foto: Arxina)
Michael Roberts. (Foto: Arxina)

—Tivemos moitos problemas de soberanía para producir bens na pandemia. E neste contexto, un dos debates máis intensos, que de feito é un debate vello, é entre proteccionismo e globalización.
Globalización, comercio libre, movemento libre de comercio, particularmente movemento libre de capital, isto é o que vimos no período que vai desde mediada a década de 1980 até a gran recesión de 2008. Este tempo foi chamado globalización, e probabelmente chegou ao seu punto álxido ao principio deste século, e cun aumento grande no comercio e no PIB. Isto era presuntamente o sistema que o capitalismo quería estender no mundo, apostando a que todas as sociedades obterían expansión de comercio e investimento.

Porén, aumentou a desigualdade a nivel global, baixo a idea de que isto impulsaría as economías adiante, non obstante, a globalización acabou. A razón está na dificultade para xerar rendemento, atraer investimento e mellorar a produtividade. O que está pasando é que os gobernos e os políticos están dicindo agora que a solución é protexer as industrias e o comercio de cada Estado de terceiros, cun nivel crecente de proteccionismo.

Este proceso tradúcese en novos aranceis e novas taxas, e en particular queremos tratar de frear a China, que está anegando o comercio mundial cos seus bens. Búscase botala atrás coa intención de que as nosas industrias non sexan debilitadas ao punto de que non quede ningunha. En vez de nunha expansión mundial, estamos nun xogo de suma cero, en particular no conflito entre os EUA e a China.

E talvez a intención dos gobernos non está sendo só intervir para protexer industrias, senón tamén para subsidialas, impulsando sectores seguros como unha alternativa ao libre comercio. Mais todo isto vai significar basicamente que a economía global non vai crecer tan rapidamente, porque sen cooperación global en comercio e investimento, mesmo baixo o capitalismo, significará un declive no ritmo de crecemento. É un período similar, penso, nalgunha maneira, á década de 1930, onde vimos unha depresión e o movemento cara ao proteccionismo, e sabemos o que pasou ao final desta década. Isto é o que nos ten que preocupar.

Se miramos as últimas cifras, o dólar é aínda de lonxe a moeda dominante

—A guerra tamén é económica. Podemos ver o agrupamento dos BRICS e as moedas están no centro da xeo estratexia. Estados como Rusia e a China están intentando comerciar na súa moeda propia. Que importancia teñen as divisas neste contexto?
As principais economías occidentais representaban 50% do produto interior bruto mundial, agora só teñen 30% da riqueza, mais esta segue sendo moi grande. E os BRICS apareceron, aínda que non son realmente un grupo con cohesión, a pesar de que o intentan. Trátase de Estados que están moi lonxe, tanto xeográfica como política e economicamente, e non teñen unha integración similar á do G7.

Non obstante, están intentando formar un polo alternativo, o cal, como dis, pasa por mudar do dólar dos EUA, pois senten que domina as súas economías demasiado. Con todo, este é un proceso lento. Se miramos as últimas cifras, o dólar é aínda de lonxe a moeda dominante nas transaccións comerciais e financeiras e en reservas de divisa.

—Por que é tan importante para Rusia e para a China facer comercio nas súas propias divisas?
Desexan reducir o dominio do dólar. As súas reservas son principalmente en dólares. E sabemos que se o dólar se debilita, non vai valer tanto. A outra cousa é que, de feito, o goberno dos EUA está agora intentando conxelar as reservas de dólares doutros Estados, xa que controlan esta moeda. As reservas rusas de dólares foron conxeladas e entregadas ao resto de Europa. Estanse vendo os riscos do que  se trata en realidade dun roubo.

Por este motivo, a China e Rusia buscan ter independencia do dólar. Mais isto non é fácil, de modo que o seu obxectivo ten un éxito lento e limitado. O conflito entre os EUA e a súa hexemonía do dólar, coa China e os outros Estados dos BRICS, particularmente coa China, vaise ver intensificado esta mesma década. E ademais, en termos de moeda, podemos ver como a Reserva Federal non ten ningún problema para imprimir dólares e dólares.

—E estes dólares non teñen base en nada. Ten isto sentido?
Ten vostede razón. Os Estados Unidos teñen un privilexio extraordinario porque teñen o dólar, que é a divisa mundial dominante, unha moeda que poden emitir tanto como queren, se desexan, entón isto dálles un poder financeiro enorme.

Naturalmente, se emiten máis e máis dólares, entón crean a posibilidade dunha inflación máis alta, ou a desvalorización do dólar contra outras moedas. Isto é o que ten pasado. Se miramos sobre os últimos 40 anos, o dólar debilitouse contra outras moedas, porque son máis e máis os dólares que foron impresos polos EUA para pagar as importacións que están sacando do resto do mundo incorrendo en déficits comerciais enormes.

Mais poden facelo durante moito tempo. Non é unha situación de crise. Poden seguir mentres a maioría dos gobernos e das empresas capitalistas recoñezan o dólar, sigan a usalo e non perdan a súa confianza nel.

Comentarios