O exercito ucraíno denuncia unha matanza en Jersón

Unha fotografía por satélite obtida por unha ONG británica podería indicar a aparición de máis de 800 novas tumbas na cidade.
O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski. (Foto: Europa Press)

O Exército ucraíno denuncia a aparición de máis de 800 novas tumbas na zona de Jersón ocupada por Rusia, segundo conclusións extraídas a partir dunha foto satélite obtida por unha ONG británica, nunha información aínda por contrastar por verificadores internacionais.

"Polo menos 824 novas tumbas apareceron no cemiterio da cidade de Jersón desde o 28 de febreiro até o 15 de abril", fixo saber o Exército ucraíno na súa canle de  Telegram.

A mensaxe, recollida pola axencia ucraína UNIAN, vai acompañada dunha imaxe de Planet Lab partillada polo Centro para a Sustentabilidade de Información, con sede en Londres.

"As conclusións están baseadas a partir destas imaxes por satélite. O CIR supervisa varios lugares de enterramento e cemiterios na parte ocupada por Rusia. Este cemiterio atópase nos arredores da cidade, ao leste do aeroporto", segundo o comunicado militar.

200 nenos e nenas falecidas

Pola súa parte, a Fiscalía de Menores da Ucraína tamén denuncia que polo menos 200 nenos e nenas morreron e máis de 360 resultaron feridas en ataques perpetrados por Rusia desde o comezo da súa invasión do país, o pasado 24 de febreiro, e até o día de onte.

A maior parte das vítimas infantís, contando falecidos e feridos, rexistráronse na rexión da capital, Kiev, con 121, seguida de  Donetsk, con 115, Járkov (88), Chernígov (54), Mikolaiv (40), Jersón (29), Zaporiyia (22), Yitomir (15) e Sumy (16).

Así mesmo, a Fiscalía denunciou que 1.018 institucións educativas rexistraron danos materiais desde o principio da invasión, 95 das cales quedaron completamente destruídas.

Segundo as estimacións de Nacións Unidas, 1.982 civís morreron e 2.651 resultaron feridas desde o comezo da guerra. Deles, 162 nenos e nenas morreron e 256 sufriron feridas, de acordo co balance da ONU.

Comentarios