Falece Otelo Saraiva de Carvalho, un dos lideres da Revolución de Abril

Peza chave no movemento político militar que trouxo a democracia ao país veciño, significouse como un amigo da Galiza.
saraiva carvalho

Otelo Saraiva de Carvalho, unha das grandes referencias da revolución portuguesa de 25 de abril de 1974, finou este domingo nun hospital de Lisboa, onde estivo internado durante os últimos 15 días. Peza chave no movemento político militar que trouxo a democracia ao país veciño, significouse como un amigo da Galiza.

Nado en 1936 en Maputo, Mozambique, desenvolveu boa parte da súa carreira militar en diversos destinos África, onde adquiriu unha conciencia anticolonial, que marcou a súa posición política.

Destinado a Lisboa en 1973, converteuse nun dos organizadores do movemento dos capitáns e, posteriormente, en responsábel do sector operacional da coordinadora do Movemento das Forzas Armadas (MFA). Así, o 25 de abril de 1974 dirixiu a levantamento revolucionario na área de Lisboa, desde o comando clandestino instalado no cuartel da Pontinha.

Candidato en diversas eleccións presidenciais, rematou sendo detido en 1985, acusado de facer parte do núcleo de dirección das Forzas Populares 25 de abril

Comandante militar da rexión de Lisboa, responsábel do Comando Operativo de Continente(COPCON), membro do Consello da Revolución e integrante de varios dos Gobernos provisorios, o proceso de involución aberto após o golpe de 25 reaccionario de novembro de 1975 desprazouno das súas responsabilidades e abriu a porta á persecución da súa persoa.

Candidato en diversas eleccións presidenciais, rematou sendo detido en 1985, acusado de facer parte do núcleo de dirección das Forzas Populares 25 de abril.

Saraiva de Carvalho mantivo até os seus últimos días un compromiso insubornábel cos principios da revolución de abril e unha fonda relación con Galiza. Se nos primeiros momentos do proceso revolucionario prestou a súa colaboración ás organizacións galegas que loitaban contra a ditadura, merecendo destaque a súa axuda á Fronte Armada da UPG dirixido por Xosé Ramón Reboiras, as décadas seguintes seguiu acudindo ao país a diversos actos culturais e políticos, onde amosou un profundo coñecemento do problema galego.

Comentarios