A tese de Luciano Marín, máis coñecido como Iván Márquez, acabou prevalecendo no Congreso e o novo partido manterá as siglas da guerrilla. Así o defendeu Márquez desde hai semanas, o que o distanciou neste asunto do líder da milicia Rodrigo Londoño Timochenko, quen até abriu un inquérito en Twitter para decidir a nova denominación, partidario como era de a mudar pola de Nova Colombia.
O disenso saldouse democraticamente, cunha votación gaña por maioría polo sector que defendía o mantimento das siglas históricas. Esta posición obtivo o apoio de 628 delegadas e delegados, en tanto que 264 votaron a prol da denominación Nova Colombia.
O confronto revela diferenzas tácticas, non tanto estratéxicas. O núcleo arredor de Iván Márquez quer salientar o compromiso do novo partido cos seus sinais de identidade revolucionarios, asumindo con naturalidade e até con orgullo o seu legado guerrilleiro. A liña de Timochenko, sen renegar do pasado, puña máis a énfase na necesidade de, através da mudanza nas siglas, achegarse a sectores da esquerda colombiana historicamente distantes da loita armada.
En todo caso, Timochenko esforzouse por fixar a imaxe dunhas FARC que saen unidas do seu congreso fundacional. Fíxoo cun chío en que aparece fotografado con Iván Márquez, quen se perfila como o referente orgánico da nova formación.
La unidad es nuestra fortaleza porque todos estamos detrás del mismo objetivo: paz, futuro y una Colombia justa e inclusiva #NuevoPartido pic.twitter.com/groIGPxhjj
— Rodrigo Londoño (@TimoFARC) 31 agosto 2017
Alén do nome, as FARC dotáronse tamén de logotipo, unha estrela vermella no corazón dunha rosa, pousada sobre as siglas en cor verde da organización.
A UPG, presenza galega no Congreso.
No Congreso fundacional das FARC como partido político houbo presenza galega, a da UPG, que acudiu a Bogotá como organización convidada. Este partido integrado no BNG estivo representado no conclave por Moncho Boán, membro da súa Secretaría de Relacións Internacionais.
Moncho Boán trasladou ao Congreso das FARC o apoio e solidariedade da militancia da UPG e o "desexo de que este novo instrumento partidario do que decidiron dotarse, permita avanzar na loita social e política por unha Colombia libre do xugo imperialista, verdadeiramente soberana e na que sexa posíbel rematar coa explotación e avanzar na superación da orde social capitalista e na construción dunha nova sociedade".