A guerra en Ucraína, en directo, este 30 de marzo

Sigue a última hora con toda a información actualizada sobre a guerra en Ucraína, minuto a minuto. 
Un soldado ucraíno ferido recibe asistencia médica no hospital militar de Zaporizhzhia. (Foto: Celestino Arce Lavin). Voluntarios ucraínos amorean sacos de area para protexer o monumento á Gran Duquesa Olga de Kíiv, a San Andrés Primeiro Chamado Apóstolo e aos educadores Cirilo e Metodio dos ataques do exército ruso. (Foto: Sergei Chuzavkov). Un soldado ucraíno examina os restos dunha fábrica de pintura que arde, preto de Vyshneve, perto de Kíiv. (Foto: Daniel Ceng Shou-Yi).
photo_camera Un soldado ucraíno ferido recibe asistencia médica no hospital militar de Zaporizhzhia. (Foto: Celestino Arce Lavin). Voluntarios ucraínos amorean sacos de area para protexer o monumento á Gran Duquesa Olga de Kíiv, a San Andrés Primeiro Chamado Apóstolo e aos educadores Cirilo e Metodio dos ataques do exército ruso. (Foto: Sergei Chuzavkov). Un soldado ucraíno examina os restos dunha fábrica de pintura que arde, preto de Vyshneve, perto de Kíiv. (Foto: Daniel Ceng Shou-Yi).

🔴 [EN DIRECTO]

 Actualizar

19.36 | Putin recúa e permitirá pagar o gas aos países da UE en euros e non en rublos

O presidente de Rusia, Vladimir Putin, mantivo unha conversa co chanceler de Alemaña, Olaf Scholz, na que lle trasladou que os países integrantes da Unión Europea que comercializan gas ruso poderán seguir pagándoo en euros e non en rublos, tal e como asegurara a pasada semana o presidente ruso, no marco dunhas medidas que tiñan por obxectivo paliar as consecuencias das sancións internacionais na economía rusa.

18.41 | Zelenski e Biden conversan sobre a situación das negociacións e o envío de máis axuda a Ucraína

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, e o seu homólogo estadounidense, Joe Biden, conversaron durante aproximadamente unha hora sobre a evolución da guerra e a situación actual das negociacións de paz que están a producirse en Istambul, segundo reportou a propia Casa Branca. Ademais, Biden concretou o envío de máis axuda ao país que rexe Zelenski, que polo de agora tradúcese nun crédito de 500 millóns de dólares de axuda orzamentaria directa.

17.04 | "As negociacións están en curso", afirma o xefe da delegación rusa para as negociacións de paz

O xefe da delegación rusa para o diálogo de paz con Ucraína, Vladimir Medinsky, afirmou que "as negocacións están en curso", en relación ás conversas que están a manter ambos países estes días en Istambul. Segundo Medinsky, Ucraína transmitiu que renuncia a formar parte da OTAN e a contar con armas nucleares. En canto á posición de Rusia con respecto a Crimea e o Donbás, asegurou que segue "inalterábel".

15.57 | O exército ruso destrúe dous almacéns de artillería en Rovno e Donetsk

O medio dixital Russia Today fíxose eco do parte diario do portavoz de Defensa de Rusia, Ígor Konashénkov, no que afirmou que as forzas militares rusas desprazadas en Ucraína bombardearon dous grandes almacéns ubicados en Rovno e Donetsk, que supostamente estaban a ser utilizados polos militares ucraínos para gardar artillería.

13.09 | Rusia di que é "positivo" que Kiev faga "propostas concretas"

Con todo, mantén que non hai "avances significativos". O Kremlin describiu as achegas ucraínas nas conversas en Istambul como favorábeis, aínda que segundo manifestou o portavoz da Presidencia rusa, Dimitri Peskov, os contactos non derivaron en nada prometedor. "Queda moito traballo por facer", asegurou.

12.30 | Amnistía Internacional denuncia unha "caza de bruxas" en Rusia

Marie Struthers, directora da organización para o leste de Europa e Asia Central, lamentou que a "persecución" contra os opositores á guerra. "Vai máis aló das medidas tomadas con anterioridade contra manifestantes e activistas" no país, dixo. "Os que critican a guerra enfróntanse a cargos arbitrarios simplemente por falar", censurou.

12.07 | Case a metade dos ucraínos temen quedar sen comida pola ofensiva rusa

A ONU alerta de que un 45% da poboación de Ucraína está preocupada ante a posibilidade de non ter suficiente comida que levar á boca. Esta conclusión parte do Programa Mundial de Alimentos (PMA) do propio organismo internacional, que axuda a un millón de persoas afectadas polas consecuencias da invasión rusa.

11.43 | Máis de catro millóns de refuxiados saíron de Ucraína desde o inicio da guerra

Segundo o Alto Comisionado da ONU para os Refuxiados (ACNUR), habería entre catro e cinco millóns de persoas refuxiadas, con decenas de miles de saídas diarias, polo que o de Ucraína consolidouse, xa, como o éxodo máis rápido rexistrado en Europa desde a Segunda Guerra Mundial. Os desprazados internos superan os 6,5 millóns.

09.35 | Lavrov visita China por primeira vez desde o inicio da guerra en Ucraína

O ministro de Exteriores de Rusia, Sergei Lavrov, reuniuse co seu homólogo chinés, Wang Yi, antes de participar esta quinta feira nunha conferencia internacional sobre Afganistán.

Lavrov falou do avance da operación militar en Ucraína e do desenvolvemento do diálogo con Kíiv durante a xuntanza. Ambos os dous mandatarios destacaron que as sancións unilaterais ilegais impostas contra Rusia por Estados Unidos e os seus aliados son contraproducentes. Ademais, segundo recolle Russia Today, Lavrov chamou a atención sobre as actividades militares-biolóxicas realizadas en Ucraína por EUA.

09.21 | As autoridades de Donetsk denuncian dous mortos nun ataque do Exército de Ucraína

As milicias da autroproclamada república de Donetsk indicaron que "por mor dun ataque con artillería contra Gorlovka desde posicións de milicianos ucraínos, 16 unidades de vivenda foron destruídas". "Segundo os datos preliminares, dúas persoas morreron", agregaron a través dunha mensaxe en Telegram. Perto de 30 persoas, entre elas dous nenos, foron evacuadas polos servizos de emerxencia.

Comentarios