Máis dúas mulleres asasinadas pola violencia machista

Na localidade española de Écija un home degolou a súa compañeira cunha machada; en 2007, ela presentara unha denuncia por insultos e ameazas que foi arquivada no xulgado. En Reus outro home apuñalou a súa ex-parella


A violencia machista cobrouse esta segunda feira a vida doutras dúas mulleres, sumando 11 asasinadas no Estado español no que vai de ano. Aconteceu na localidade española de Écija e na catalana de Reus.

Na vila sevillana, un home degolou a súa compañeira cunha machada após chamala por teléfono para que fose axudalo por se atopar enfermo. Petra M.M., de 46 anos de idade, denunciara xa en 2007 a Antonio L.G., detido polo asasinato e que tivo que ser ingresado nun centro hospitalario após intentar suicidarse inxerindo varias pílulas do fármaco Trankimazin. Segundo informou a axencia de noticias Europa Press, a denuncia que presentou a muller, en que daba conta dos insultos e ameazas que lle tería feito A.L.G., foi arquivada no xulgado.

En Catalunya Ángel Ventura J.L., de 33 anos, foi detido en relación ao asasinato e confesou despois ter apuñalado a súa ex-parella até matala. A muller, de 39 anos, tomara a iniciativa da separación hai por volta dun mes e vivía coa súa filla, de dous anos de idade.

Comentarios