A Mesa inicia unha campaña sobre os ataques e retrocesos no idioma no mandato de Feijóo

"O galego é a lingua máis desprotexida do Estado español". Unha realidade, sinala A Mesa, en boa medida responsabilidade do goberno de Núñez Feijóo, de aí que esta organización chame a cidadanía a emitir o 21-O un voto "en galego" que castigue ao PP
Susana Méndez e Carlos Callón
photo_camera Susana Méndez e Carlos Callón

Hai motivos abondos para considerar o mandato de Núñez Feijóo como tres anos e medio de agresións e recortes para o galego. Segundo esta constatación, A Mesa pola Normalización Lingüística inicia unha campaña que, baixo o nome de "Alberto Núñez Feijóo non merece ser reelexido", pretende chegar a todos os recunchos do país para "Lembrar os múltiples motivos polos que Feijóo non merece o apoio da sociedade galega, pois nas capacidades galegas e o que nos identifica", sinalou Susana Méndez, vicepresidenta de A Mesa.

Méndez fixo un recordatorio dalgúns destes motivos, desde tirar 4 millóns de euros, "El, que tanto se gaba de austeridade", en reducir a presenza do galego no ensino; até o feche de medios de comunicación en galego por mor da falta de apoio da Xunta, que si destine baixo o gardachuvas de axudas ao galego centos de milleiros de euros a xornais onde a presenza do idioma propio é residual e testemuñal.

"Non hai libertade de escoller idioma cando se escolle o galego"

A vicepresidenta da Mesa tamén lembrou que aínda que o 40% das familias nas cidades da Galiza solicitaron ensino en galego para as súas crianzas, "este idioma só se imparte no 10% dos centros de ensino". Así pois, incidiu Méndez, "con Núñez Feijóo non existe a tan falada libertade lingüística se o idioma que se escolle é o galego".

Mais os recortes e retrocesos, cando non ataques, ao galego non se reducen ao eido do ensino. Así, A Mesa puxo o exemplo do programa Minerva que a Xunta implementou no sistema xudicial galego para axilizar o seu funcionamento. "Este programa está só en español. Ou sexa, que conculca os dereitos lingüísticos, pois impide o acceso á xustiza en galego". 

"Feijóo e Mario Conde compiten en desprezar o galego"

Pola súa banda, o presidente da Mesa, Carlos Callón, afirmou que a sociedade galega "non merece un presidente como Núñez Feijóo", afirmando que "non habería peor noticia a noite do 21-O que o feito de que o mandatario galego en funcións "teña os apoios para gobernar", en solitario ou con "Mario Conde, con que compite en ver quen despreza máis o noso idioma".

Para Callón, con Feijóo o galego acadou o triste título de ser "a língua máis desprotexida en todo o estado español, nin o aranés (idioma que se fala no Val de Arán)". Unha situación que se constata non só na constante perda de falantes, senón tamén na súa total desprotección "xurídica e política".

Por todo iso, desde A Mesa faise un chamamento á cidadanía galega a recuperar o espírito das multitudinarias manifestacións de Queremos Galego para este 21-O "votar en galego, tendo en conta o noso idioma". E ese voto, apuntan, non pode ir para o PP.

Comentarios