O alumnado de Cerceda premia as empresas que destaquen no uso do galego

Despois de visitar e analizar máis de 60 negocios do municipio para animar ao uso do galego no ámbito empresarial, o alumnado do CPI O Cruce de Cerceda decidiu recoñecer o uso que fai do galego a xestoría IPR Xestión.

Premio-uso-galego-Cerceda_1
photo_camera Entrega do premio (Foto: O Cruce)

Tres alumnas de 4º da ESO do CPI O Cruce de Cerceda achegáronse até a asesoría IPR Xestión para entregarlle o diploma acreditativo do I Premio ao uso do galego nas empresas 2024, un recoñecemento público que decidiron outorgar a partir deste ano a negocios de Cerceda que destaquen por usaren a lingua propia na súa rotulación, información, traballo, atención ao público, publicidade e redes sociais.

Nesta primeira edición acordaron premiar a IPR Xestión, unha asesoría da que é responsábel Rocío da Igrexa Prego, a quen lle entregaron o recoñecemento. O alumnado participante na iniciativa destacou o uso que neste negocio local se fai da lingua propia, “que vai máis alá da rotulación e da publicidade, onde se emprega de maneira visíbel e destacada”.

Deste xeito, salientaron tamén “a visibilidade da nosa lingua nas redes sociais, na información que hai no propio local, nas mensaxes que poñen nas cristaleiras en datas destacadas como o Día das Letras Galegas, na atención ao público… pero, sobre todo, no día a día do traballo normal da empresa”. E incluso, indicaron, “ofrecéndolle á súa clientela no local prensa en galego, como Nós Diario, Sermos Galiza e outras revistas”.

Bares e restaurantes, gasolineiras, xestorías, panadarías, fábricas, tendas…, son algúns dos negocios que o alumnado cercedense visitou desde o mes de marzo para animar e visibilizar o uso do galego. Na atención ao público xa constataron que se fai de xeito moi maioritario, mais na rotulación e información escrita tamén é bastante frecuente nos establecementos da localidade.

A través dun proxecto da materia de Lingua Galega, coa profesora Amelia Rodrigues e co profesor Nel Vidal, rapazas e rapaces de 3º e 4º da ESO visitaron as empresas, explicaron a campaña “Aquí tamén se fala galego” e animaron a unirse a ela e visibilizala a través dun cartel. Ademais, fixáronse no emprego que se fai da lingua coa finalidade de, agora, recoñecer algunha empresa que destaque de maneira especial no uso do galego.

A recepción, tal e como indicaron as mozas e os mozos participantes, foi moi positiva, xa que todas as empresas visitadas se animaron a participar na campaña e, ademais, incluso felicitaron, aplaudiron e agradeceron a iniciativa. 

A idea do alumnado e fixar este Premio ao uso do galego nas empresas para recoñecer cada curso académico un negocio diferente da localidade, e nesta primeira edición as rapazas e os rapaces decidiron concederllo a IPR Xestión.

Comentarios