Arzúa lanza a campaña "En galego, sen límites!" para promover o uso do idioma

A  iniciativa que ten como obxectivo avanzar na normalización do uso da nosa lingua.
ARZUA
photo_camera Lucía López e Xoán Xesús Carril (Foto: Concello de Arzúa)

O Concello de Arzúa lanza a campaña "En galego, sen límites!", unha iniciativa que ten como obxectivo normalizar o uso da nosa lingua en amplos sectores sociais. Con esta campaña, a Concellaría de Igualdade quere iniciar a primeira de moitas accións para fortalecer o uso do galego no día a día das arzuás e arzuáns.  

A concelleira de Igualdade, Lucía López, subliñou a importancia de defender o galego todos os días do ano. "Normalizar o uso do galego é fundamental para preservar e fortalecer a nosa identidade cultural. Queremos que o galego sexa a lingua de comunicación habitual en todos os ámbitos da vida social en Arzúa", destacou.


En galego, sabe mellor

No marco desta campaña, o Concello está a repartir manteis coa mensaxe "En galego, sabe mellor" entre os estabelecementos de hostalaría da vila. O Alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, explicou que esta acción ten un obxectivo claro: "Arzúa recibe centos de peregrinos todos os días que teñen que saber que na Galiza temos un idioma propio. Queremos que sintan a riqueza cultural e lingüística de Galicia dende o primeiro momento".

O uso do galego será un eixe transversal a todas as políticas do grupo de goberno, “implicando a todos os sectores sociais e económicos da vila. Con este enfoque, o Concello de Arzúa busca consolidar o galego como parte esencial da vida diaria e institucional”.


Convite á mobilización

O Concello de Arzúa anima a toda a veciñanza a participar na mobilización convocada este 17 de maio en Santiago de Compostela pola plataforma Queremos Galego, composta por máis de 500 entidades sociais e culturais do país, que traballan na defensa da normalización do galego. "A participación cidadá é clave para avanzar cara á plena normalización do galego", engadiu Lucía López.

Comentarios