Desde esta segunda feira e até o 15 de marzo, as instalacións da Cidade da Cultura en Compostela (comarca homónima) acollerán a decimosexta edición do Congreso Internacional sobre Procesamento Computacional do Portugués (Propor-2024), un encontro científico de máxima relevancia no campo e que, por primeira vez, visita o noso país.
Con motivo do evento achegáronse até a capital galega perto de 150 persoas, a maioría delas procedentes de Brasil e Portugal.
O persoal investigador responsábel da súa organización nesta edición coincide en salientar a importancia deste feito, xa que, coa súa chegada á cidade, “prodúcese unha volta á orixe, xa que a Galiza é o lugar de nacemento da lingua portuguesa”, explican.
O galego terá, así, un destacado protagonismo no evento, xa que tamén estará presente con numerosos traballos centrados no procesamento automático da lingua propia.
A importancia do evento
A organización deste encontro corre a cargo do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), que coordina todos os detalles da súa realización a través do equipo de investigación do Proxecto Nós.
O investigador vinculado Pablo Gamallo, presidente do comité organizador, salientaba onte a importancia que ten acoller un congreso destas dimensións na cidade ao afirmar que “é fundamental para o futuro do galego asegurarmos a súa presenza nos dispositivos de intelixencia artificial e modelos de linguaxe que a xente usa xa habitualmente”.
Por este motivo cre que “o contacto con grupos punteiros portugueses e brasileiros promoverá novas colaboracións que nos permitirán acceder a máis recursos lingüísticos para o galego de alta calidade”.