O conselleiro de Cultura afirma que o plurilingüismo supuxo 'unha mellora importante na educación'

José López Campos abriu a posibilidade de actualizar o Plan de Normalización Lingüística 20 anos despois da súa aprobación.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, no Parlamento galego (Foto: Nós Diario).
photo_camera O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, no Parlamento galego (Foto: Nós Diario).

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, defendeu este domingo nunha entrevista na Radio Galega o modelo lingüístico da Xunta que "funcionou" e sinalou que o plurilingüismo supuxo "unha mellora importante na formación e na educación" do alumnado galego.

Con todo, sobre o actual decreto do plurilingüismo, o titular de Lingua manifestou que é "un debate que non está na rúa", aínda que insistiu en que escoitará as posicións de todos os actores.

"A día de hoxe hai plena convivencia no ámbito educativo, mais escoitaremos tamén cales son as propostas dese decreto do plurilingüismo. Eu creo que posibelmente o Plan de Normalización Lingüística necesita, despois de 20 anos, unha actualización. Aí podemos atopar puntos de encontro para prestixiar", asegurou.

Neste sentido, o conselleiro afirmou que se reunirá coas principais entidades da Galiza e que se volverá a sentar coa Real Academia Galega (RAG) e o Consello da Cultura Galega (CCG) para escoitar as súas posicións.

Cuestionado polos puntos nos que se podería actualizar o Plan, López Campos recoñeceu que se debe avanzar no apoio e normalización do uso do galego nas novas tecnoloxías da información, así como no ámbito urbano.

Falar galego “con normalidade”

En concreto, instou a buscar fórmulas para que as novas xeracións entendan que o "mellor legado" e o "maior tesouro" da Galiza é "manter a lingua viva", para o que, engadiu, é necesario "falala" e empregala "con total normalidade".

Así mesmo, en relación co Pacto pola Lingua ofrecido no Parlamento, o conselleiro sostivo que se ten que "prestixiar socialmente o uso da lingua galega".

"Estou convencido de que é moito máis o que nos une que o que nos separa. Todos queremos o mellor para Galiza e a partir de aí podemos atopar puntos de encontro e cada un terá que buscar o seu posicionamento", subliñou antes de pór en valor que na pasada campaña electoral o debate lingüístico tamén "estivo moi presente", polo que considera que os populares e Alfonso Rueda tiveron "unha ampla maioría que apoiou as súas políticas tamén en materia cultural e de lingua".

Comentarios