Palabras con memoria: ánimos

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
"A túa axuda veume ao chete, se non non remataba o traballo". (Foto: Nós Diario)
photo_camera "A túa axuda veume ao chete, se non non remataba o traballo". (Foto: Nós Diario)

acatimado/a.- (Ademais de significados rexistrados) Aburrido/a.
Exemplo.- “Xa estamos acatimados de que chova.”
Lugar de escoita.- Zona de Navia de Suarna (recollida en Castañedo).
Fonte.- Berta Fernández Otero. ENDL Navia de Suarna.

baidó.- Expresión que dá a entender que algo pode ser moita cousa para alguén, mais sen se opoñer á acción que queira levar a cabo.
Lugar de escoita.- Sabucedo (A Estrada).
Fonte.- Manuel Cabada Castro.

paxarela (alegre da).- Utilízase para expresar que alguén vai moi contento ou satisfeito.
Exemplo.- “Josiño chegou da festa, viña alegre da paxarela. Debeu de atopar moza!”
Lugar de escoita.- Carbeiral- Bardaos (San Sadurniño).
Fonte.- Avelino Sanjurjo Beceiro.

trundes.- Persoa que actúa guiada polos impulsos do momento.
Exemplo.- “Coidado con el, é un trundes, tanto o tes a ben como nun momento monta un escándalo.”
Lugar de escoita.- Ardán (Marín).
Fonte.- Emma Pazos Abalde.
Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Soledad Ríos Santomé, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

vir ao chete.- Servir moito, valer a vida, chegar no momento preciso.
Exemplo.- “A túa axuda veume ao chete, se non non remataba o traballo.”
Lugar de escoita.- Gundivós (Sober).
Fonte.- María Trigo.
Outros apuntamentos.- Enviada por Ramón Sandoval. Comenta que a súa informante llas escoitou a Xerardo de Naván.

Comentarios