Senén Pousa afirma, nunha entrevista publicada por El País, que "quen comete a estupidez de fotografarse facendo xestos nazis ou fascistas non merecen tomar parte do partido" --en alusión ás imaxes en que militantes de Nuevas Generaciones se deixan ver coa bandeira pre-constitucional ou facendo apoloxía de réximes totalitarios.
Malia as súas declaracións, o rexedor deste concello ourensán non dubida en se fotografar coa imaxe do ditador e mesmo lembra que cada 20 de novembro "honra" a Franco cunha misa "e ninguén do PP se opuxo xamáis" subliña. Ao tempo, acrecenta que deixou de facelo porque militantes independentistas ían "montar lío" á igrexa.
Orgulloso da súa admiración polo réxime franquista, este alcalde goberna desde hai 40 anos e asegura que a fotografía do ditador "non fai mal a ninguén" polo que rexeita quitala. "Cando marche", di, "sacarei todas as cousas".
Desde o PPdeG din descoñecer os símbolos que o rexedor posúe no consistorio e el propio recoñece que "nunca ninguén do partido" lle dixo "nada por pensar así", embora desde a dirección salienten que ningún militante que faga apoloxía pública do réxime merece facer parte do partido.