Alcaldes do BNG atribúen a vaga de lumes ao abandono do monte e o rural, non a unha “trama incendiaria”

Rexedores nacionalista de concellos afectados polos incendios piden á Xunta: franxas de protección, sistema de brigadas profesionais con mando único e plan de recuperación inmediato das zonas arrasadas. 

PONTON COS RESPONSABLES CONCELLOS AFECTADOS POLOS LUMES1

Alcaldes e responsábeis municipais de concellos nacionalistas afectados pola vaga de lumes de hai dúas semanas desmenten o relato da trama de “terrorismo incendiario” que impulsa a Xunta e consideran que a causa fundamental dos incendios nos seus municipios está no abandono de monte e no abandono do medio rural.

Os representantes municipais das Neves, Viana do Bolo, Baños de Molgas, Ponteareas, A Mezquita, Pobra do Brollón ou San Sadurniño súmanse así a aquelas voces que tanto desde a propia Fiscalía de Medio Ambiente como desde o ámbito académico refutan o discurso oficial de “trama terrorista incendiaria”.

“Desde Viana do Bolo non temos sensación algunha de terrorismo incendiario, pero si do abandono do rural. O lume é un síntoma da morte do rural”, dixo Secundino Fernández, alcalde de Viana. “Sinceramente, nas Neves non creemos na trama incendiaria, socialmente a xente non fala diso senón das consecuencias do incendio sobre iso si se reflexiona e se ten medo”, salientou o rexedor Xosé Rodríguez, quen denuncia que a Xunta vincula as indemnizacións ás vítimas a que se constate que o lume foi intencionado: “Iso si que é redondear o discurso da trama do terrorismo incendiario”.

Os responsábeis municipais criticaron “a descoordinación, a falta de medios e o abandono” que afirman que sentiron por parte da Xunta. “Foi a veciñanza a que tomou as rendas para defender as súas casas, e aínda non tiven unha chamada da Xunta por se precisaba algo, e iso que temos unha motobomba que debe ser da guerra de Corea”, denunciou o alcalde de Viana. “

Teléfono vermello

Estes concellos afectados pola vaga de incendios demandan da Xunta medidas no curto e no medio prazo. Demandas que se concretan en tres para adoptar dese xa: que o Goberno garanta o cumprimento das franxas de seguridade con vivendas e infraestruturas previstas na normativa, a profesionalización das brigadas cun mando único e con funcionamento os 365 días do ano, e un teléfono vermello a disposición das autoridades locais que desate de inmediato un protocolo de actuación ante unha situación de emerxencia.

A medio prazo, os municipios gobernados polo BNG piden un cambio na política forestal baseada na limpeza e aproveitamento funcional do monte, e poña fin ao abandono do rural, porque só por este camiño se pode acabar co problema dos incendios.

Rural

A portavoz nacional, Ana Pontón, criticou que dúas semanas despois da vaga de lumes, Feijóo “segue se dar a cara no Parlamento pero tivo tempo de falar dos lumes no concello madrileño de Alcobendas mentres recollía o premio popular del ano. Resulta case cómico senón estivésemos falando dun problema de país”, criticou.

Pontón avanzou que o BNG presentará emendas para que os orzamentos de 2018 inclúan partidas para financiar un plan de recuperación ambiental e económico dos concellos afectados e para executar as franxas de protección.

Comentarios