O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reiterou esta terza feira o seu "respecto" ao galego, pero remarcou que o impulso das linguas oficiais no Congreso "é unha actuación que se fai porque o está pedindo Puigdemont". "É unha cesión a pedimento dun partido independentista catalán para apoiar unha investidura", aseverou, en relación á que protagonizaría o socialista Pedro Sánchez.
Así o trasladou, en declaracións aos medios, nunha visita ás obras do centro de saúde integral de Lugo, onde foi preguntado polas críticas que lle lanzou o BNG en relación á súa postura con esta cuestión, na mesma xornada en que a Cámara baixa se estreou no uso de galego, catalán e euskera.
Rueda incidiu en que é "un recurso bastante normal do BNG tentar faltar ao respecto cando non hai outros argumentos". "Non entenden que poida haber diferentes puntos de vista", aseverou, antes de reivindicar o seu "respecto" polo galego.
"Eu aquí téñoo clarísimo. Non atoparán ninguén máis respectuoso co galego, co valor que ten e co importante que é que teñamos dúas linguas", afirmou, pero quixo diferenciar esta postura da formulación do uso das linguas oficiais no Congreso, ante o que está en contra.
Así, apuntou en primeiro termo que o que acontece esta terza feira con respecto á utilización do galego, do catalán e do euskera "non é outra cousa que unha actuación que se fai porque o está pedindo Puigdemont".
"Unha cesión"
Deste modo, remarcou que o paso dado "é unha cesión a pedimento dun partido independentista catalán" para apoiar a hipotética investidura de Sánchez.
En segundo lugar, apuntou que hai "algo moi lóxico" e é que no Congreso enténdense todos "nunha mesma lingua".