A correlación de forzas interna -Podemos ten 7 parlamentares, Anova apenas 2- non se traduciu na distribución de funcións e tarefas dentro do grupo parlamentar de En Marea e, destarte, Antón Sánchez e non Carmen Santos será a segunda voz da confluencia no Hórreo.
“É certo que a sensibilidade de Antón ten menos presenza no grupo, mais non o é menos que se fixo acredor a ser viceportavoz, polo seu bon traballo na pasada lexislatura e polo seu coñecimento das mecánicas da institución”, dixeron as fontes de En Marea consultadas por Sermos.
A cabeza visíbel de Podemos Galiza será, portanto, a viceportavoz segunda.
Canto á negociación para facer parte da Mesa, a opción que xoga En Marea é Eva Solla, deputada supervivente de AGE e secretaria xeral do Partido Comunista de Galiza.