A Xunta Electoral da Galiza vén de arquivar dúas denuncias do PSdeG contra o PP por dous actos do Goberno galego realizados en Ferrol e A Coruña. En concreto, informa esta segunda feira o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, a primeira foi rexistrada o 16 de xaneiro polos socialistas en relación á firma do convenio de colaboración 'Abrir Ferrol ao Mar' entre o alcalde da cidade, José Manuel Rey Varela, e o presidente da Xunta e candidato popular, Alfonso Rueda.
Nun acordo con data do día 17 e do que informou hoxe o TSXG, a Xunta Electoral arquiva o caso por considerar que a denuncia é imprecisa ao "faltar a determinación dos suxeitos presuntamente responsábeis das irregularidades denunciadas". Contra a decisión cabe aínda interpor recurso.
Pola súa parte, a segunda das denuncias, con data do mesmo día, foi rexistrada polo PSdeG contra a Xunta e o PP por un anuncio en diferentes medios de comunicación e mais na web da Administración galega sobre un proxecto de actuación na zona do Parrote da Coruña.
Neste caso, a Xunta Electoral tamén decreta o arquivo da denuncia ao considerar que o inicio dun período electoral non interrompe o normal funcionamento dos servizos públicos, que poden proporcionar información que sexa de interese xeral. Contra esta decisión tamén cabe recurso.