Beiras mételle présa a CXG

Di o líder de Anova que "os contactos mostran que hai avances" e pide que se tome "unha decisión definitiva pronto". Entrementres CxG consulta a posibilidade da alianza coas súas bases e na asemblea de Valdeorras xa anunciaron que un pacto con ''forzas alleas a Galiza'' suporá que a súa saída da formación política
photo_camera Imaxe: Riobó Prada

Falta un día para que o prazo de conformación de alianzas electorais chegue á súa fin, e Xosé Manuel Beiras, líder de Anova e do Encontro Irmandiño teno ben presente. Esta cuarta feira, dando por feita a participación de Esquerda Unida na fronte ampla de esquerdas que Yolanda Díaz deu en chamar 'Syriza galega' --a pesar de que aínda as bases votarán esta sexta o "acordo programático de mínimos" ao que se chegou, segundo explicaron Martiño Noriega (Anova) e César Santiso (EU) a este xornal--, e tras o rotundo rexeitamento do BNG, quen lle lembrou a Beiras que xa existe na Galiza unha fronte ampla e de esquerdas. A cabeza máis visíbel de Anova e posíbel líder da coalición instou a outra organización chamada ao pacto, Compromiso por Galicia, a tomar "unha decisión definitiva pronto".

En CxG a postura adoptada moveuse desde o rexeitamento a unha alianza con EU até o retorno ao debate, e entre a cuarta e a quinta anunciaron unha votación nas súas agrupacións comarcais. Entrementres Beiras informou que "os contactos indican un avance", desde CxG-Valdeorras remitiron xa un comunicado asinado polo secretario comarcal Iñigo Ansotegi salientando que "por unanimidade" a asemblea convocada para falar da alianza decidiu "manterse nos termos da anterior, e non pactar con ningún partido alleo a Galicia", en referencia a EU, mais tamén a Equo, que se sumou tamén á fronte ampla de Beiras, segundo informa a prensa española. Rexeitan "fins exclusivamente electoralistas" para a coalición da cal fixesen parte, e advirten que, de concorrer CxG na 'Syriza' de Yolanda Díaz, a asemblea de Valdeorras abandonará a formación.

Pola súa banda e respecto da alianza con EU, Beiras cualificou de "firme e segura" o que, de momento, é unha coalición técnica, mais confiou en que, tendo en conta os prazos, a militancia do partido que lidera Díaz "apoie maioritariamente" un pacto que xa ratificou o consello político. De 40 persoas que participaron, só se anotou un voto en contra e unha abstención.

Comentarios